OBRADOIRO SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO E EXPRESIÓN DAS EMOCIÓNS PARA FP BÁSICA E O CICLO DE MADEIRA E MOBLE DO IES DE ORTIGUEIRA
A Concellería de Igualdade desenvolverá entre outubro e novembro un obradoiro de violencia de xénero e expresión das emocións destinado ao alumnado de FP Básica e do Ciclo de Madeira e Moble do IES de Ortigueira e financiado pola Asociación de Grupos de Desarrollo Rural de Galicia Seitura22.
Trátase dunha iniciativa que pretende facilitar aos e as estudantes un marco distendido, de interacción entre iguais, seguro e empático no que poidan desenvolver as súas habilidades emocionais e tamén adquirir coñecementos relacionados coa violencia de xénero.
O obradoiro -que terá lugar os días 21 e 28 de outubro e 11 de novembro- será impartido por Paula Paz, traballadora social e experta en coaching e intelixencia emocional, mentres que a coordinación correrá a cargo do persoal técnico do Centro de Información á Muller de Ortigueira. As sesións terán lugar en horario de 16.00 a 18.00 horas.