O SÁBADO CELÉBRASE O IV SERÁN CARECO SOLIDARIO, A BENEFICIO DO CENTRO ONCOLÓXICO DE GALICIA
Para despedir o mes de agosto, o vindeiro sábado, día 31, o grupo Os Carecos -formado por cantareiros de Ortigueira e Cariño- organiza na parroquia de San Claudio o IV Serán Careco Solidario, a beneficio do Centro Oncolóxico de Galicia. A iniciativa -que conta coa colaboración do Concello de Ortigueira e a agrupación Libro Vivo de San Claudio- xunta música e merendas nunha xornada de confraternidade.
A festa comezará ás 13.30 horas, coa sesión vermú, que correrá a cargo do grupo de folk Xoldaina e a Escola de Gaitas de Ortigueira. Ás 14.30 comezará o xantar, con prezos populares e amenizado por Os Sobraos, No Cómbaro e Os do 21. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, Marcos Botana encargarse de impartir un obradoiro de baile tradicional, e as 18.30 terá lugar unha mostra de baile na que intervirán de novo Os do 21 xunto co grupo de baile de Ancoradoira.
Os Carecos, anfitrións e organizadores da xornada, ofrecerán un concerto ás 20.00 horas, e unha hora despois empezará a cea, tamén a prezos populares e a compañada dunha foliada coa participación de Joel Padín, a agrupación Son D’Aquí, As Ferriñas de Os do 21, San Xiao do Trebo, Lingoreteiras, Cinco en Zocas, Pandereteirxs da Asociación de Amigos da Gaita Galega, Andarivel, Pandereteiras de Algarabía de Lago, Os da Porfía e Troula&Stone, para rematar cunha foliada libre.
A organización dispón dunha zona de acampada para quen queira prolongar a festa.