Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DE ORTIGUEIRA APROBOU A ADHESIÓN DO CONCELLO AO PACTO DOS ALCALDES POLO CLIMA E A ENERXÍA

O pleno de Ortigueira aprobou onte a adhesión do Concello ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que supón o compromiso dos alcaldes europeos para crear unha rede de información permanente na procura dos obxectivos de reducir as emisións á atmósfera a través de medidas de eficiencia enexética, promoción das enerxías renovables e impulso da mobilidade sostible. Os asinantes teñen que elaborar un Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima e concentrar os seus esforzos en reducir a demanda de enerxía no territorio, e adaptar a demanda neste campo á oferta promovendo a utilización de recursos locais.

O pleno adquiriu o compromiso de desenvolver un traballo tendente a conseguir varios obxectivos:

  • Reducir as emisións de CO2 en Ortigueira alomenos nun 40% ate 2030, mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovables.
  • Traballar na creación de plans para favorecer as enerxías sustentables e o aumento da resiliencia fronte ao cambio climático.
  • Elaborar un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático.
  • Presentar o obrigado plan de acción para o clima e a enerxía sustentable nun prazo de dous anos desde a sinatura oficial do Pacto dos Alcaldes, que será avaliado tamén cada dous anos.
  • Compartir información e experiencias co resto dos firmantes.
  • Adaptar as estruturas do Concello e asignar recursos para a consecución destes fines.
  • Mobilizar á poboación civil para que se involucre e participe neste plan.

Todas as xestións relacionadas co Pacto delegáronse no alcalde, Juan Penabad Muras.

Back to top