O PLENO DE ORTIGUEIRA APROBA POR UNANIMIDADE UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA O SECTOR PRIMARIO E A EXENCIÓN DO PAGO DE TERRAZAS E POSTOS DE MERCADO ATA FINAIS DE ANO
O pleno do Concello de Ortigueira aprobou esta tarde por unanimidade os tres puntos que figuraban na orde do día, que se correspondían con novas medidas encamiñadas a diminuír os efectos económicos da crise sanitaria da Covid-19. En concreto deuse o visto bo a unha nova liña de axudas, esta dirixida ao sector primario; a exención do pago por ocupación de solo público con terrazas de hostalería e restauración e instalación de postos de mercado ata finais de ano e, por último, a ordenanza transitoria para regular as terrazas para que a normativa sexa máis flexible nestes tempos de crise.
A liña de axudas para o sector primario (agricultura, gandeiría, pesca, marisqueo, silvicultura, etc.) establece que todos aqueles autónomos e pemes que viron reducidos os seus ingresos nun 50% como consecuencia da pandemia poidan acceder a unha subvención municipal. Para esta finalidade resérvanse 25.000 euros do orzamento municipal que -como lembrou a concelleira de Facenda, Auri Vazquez, en resposta á oposición- poden ser ampliados nunha segunda convocatoria se hai máis persoas afectadas que precisen estas axudas. As bases publicaranse no BOP e no taboleiro municipal durante 30 días antes da súa aprobación definitiva. O alcalde, Juan Penabad Muras, insistiu en que estas subvencións teñen como finalidade poder axudar canto antes a quen máis o necesita.
A modificación das ordenanzas fiscais relativas á instalación de terrazas de hostalería e restauración e de postos nos mercados estará vixente ata que finalice este ano, e supón que non haberá que pagar por este tipo de ocupación de solo público. O obxectivo é tamén neste caso facilitar a transición cara a nova normalidade, toda vez que -como se puxo de manifesto no pleno- o prezo da instalación de terrazas en Ortigueira é dos máis elevados da zona e non está en consonancia coa situación socioeconómica do municipio.
Por último, aprobouse unha ordenanza transitoria para as terrazas, por entender que o actual regulamento, que data do ano 2004, é excesivamente inflexible e non se adapta -como se comentaba- á situación de Ortigueira. Esta normativa provisional -durante un ano- pretende facilitar a instalación de mesas e cadeiras por parte de todos os establecementos de hostalería, algo moi necesario para axudar á súa economía na actual situación sanitaria. A intención do goberno é que cando remate o prazo da ordenanza transitoria haxa xa unha nova proposta de regulamento consensuada cos hostaleiros.