Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DE ORTIGUEIRA ACORDOU SOLICITAR A COSTAS A CESIÓN DO EUCALIPTAL DE MOROUZOS

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou na súa sesión de onte varios asuntos de importancia para o futuro do municipio en materia social como o IV Plan de Igualdade de Oportunidades, económica a redistribución de partidas improdutivas e medio ambiental a solicitude a Costas da cesión do eucaliptal de Morouzos, entre outros asuntos.

Así, a corporación apoiou cos seus votos a proposta do goberno para tramitar diante da Demarcación de Costas a cesión ao Concello do eucaliptal situado na praia de Morouzos. Para avalar a solicitude preséntase un plan de xestión que permitirá mantelo acondicionado e evitar que poida sufrir incendios ou pragas. No documento establécese tamén a recuperación deste espazo como área natural para uso da veciñanza e, durante o Festival Celta, como zona de acampada, preservando así o ecosistema dunar.

Polo que respecta ao Plan de Igualdade de Oportunidades, aprobado igualmente polo pleno, desenvolverase entre este ano e o 2022 e contou para o seu deseño coa colaboración dos axentes sociais e as técnicas do Centro de Información á Muller. Trátase dunha ferramenta que guiará as políticas de igualdade nos vindeiros anos e contribuirá tamén a loitar contra a violencia machista. O plan consta de seis áreas estratéxicas e once liñas de actuación e incorpora como novidade un punto referido especialmente ao rural para implementar medidas especiais dirixidas á veciñanza deste contorno. Desde o goberno apúntase o seu compromiso para continuar a traballar nesta liña e “acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria”, onde haxa as mesmas oportunidades para todas as persoas con independencia do seu sexo ou condición.

Na sesión deuse tamén o visto bo a un suplemento de crédito para redistribuír a partida que figuraba nos presupostos para amortizacións de préstamos bancarios. Como se recordará, o goberno local conseguiu liquidar a débeda con entidades financeiras antes do prazo previsto, de forma que os 87.174,68 euros reservados no documento orzamentario xa non se necesitan para este fin. O pleno aprobou aproveitar estes fondos dedicando 56.000 euros a actuacións sociais; 14.231,17 a produción de benes públicos de carácter preferente; e 17.343,47 euros a actuacións de carácter xeral.

Dentro do capítulo económico, o pleno deu tamén o seu visto bó á conta xeral do exercicio de 2017, na que destacan un aforro de 1.328.853,27 euros e un remanente de tesourería de 1.462.851,60 euros, que pon de manifesto a situación de solvencia económica do Concello.

Ademais, rematouse o último trámite para poder destinar os fondos que estaban retidos na Fundación Ortegalia -xa extinta- a incrementar as achegas do Concello para a Asociación Pro-Minusválidos de Ortegal (Aspromor), que recibirá 20.000 euros máis, e ao Club de Fútbol da vila, ao que se destinan outros 5.000.

Para poder levar adiante este cambio de partidas, que deixará a Aspromor con 30.000 euros de aportación municipal e ao Club de Fútbol con 20.000, houbo que levar a cabo un proceso bastante farragoso que comezou no pasado mes de abril e que rematou co pleno de onte.

Por último, a corporación aprobou un recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 6.214,98 euros para pagar seis facturas do ano 2015 correspondentes ao mandato anterior; outros 5.203 euros de gastos xurídicos dos anos 2014 e 2015 e 11.996 euros máis de facturas de electricidade que houbo que depurar porque algunhas estaban duplicadas.

Ao remate do pleno, o alcalde, Juan Penabad Muras, agradeceu a colaboración da corporación para sacar adiante os diferentes temas, especialmente o Plan de Igualdade, un acordo que “reflicte o compromiso inequívoco de toda a corporación para seguir traballando e atentos na tarefa irrenunciable de conseguir unha sociedade xusta e solidaria, que remate coa lacra da violencia machista”, dixo.

Back to top