Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO APROBOU CATRO EXPEDIENTES DE RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS POR IMPORTE DE 131.000 EUROS

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou na súa sesión do mércores 20 de maio catro expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe de 131.000 euros. A oposición abstívose en todos os casos, a excepción dun dos expedientes no que Centristas votou en contra.

Segundo explicou a portavoz do goberno e concelleira de Facenda, Auri Vázquez, o Concello está inmerso nun proceso de depuración de facturas, a maior parte procedentes do ano 2019 pero presentadas neste exercicio. O obxectivo principal deste proceso, engadiu, é diminuír o período medio de pago a provedores e empresas que prestan servizos ao Concello.

O debate nestas modificacións de crédito centrouse por parte da oposición na cantidade de expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos que se levan a pleno e no retraso na presentación do presuposto municipal. A voceira do goberno -que insistiu en que estes expedientes son un mecanismo regulamentario que non ten que ver coa boa ou mala xestión- aludiu á excepcional situación que se produxo como consecuencia da crise sanitaria como o motivo polo que se aparcou o traballo do orzamento. Ao mesmo tempo manifestou que conta coa oposición para confeccionar o vindeiro presuposto, municipal.

Tamén xurdiu no debate a situación do servizo de limpeza do colexio, que desenvolve unha empresa desde o pasado mes de outubro sen que se teña convocado un concurso para adxudicar o contrato. O goberno explicou que foi necesario recorrer a esta situación excepcional porque as catro traballadoras que se facían cargo das tarefas tiveron que pasar a xornada contínua no servizo de axuda a domicilio, co que compaxinaban o labor. Xa está ditada unha providencia para iniciar o procedemento de contratación da limpeza do colexio.

O pleno deu tamén o visto bo a unha moción do goberno para firmar un convenio con Augas de Galicia polo que se prorrogará a xestión da Estación Depuradora de Aguas Residuais por parte deste organismo. A iniciativa saiu adiante por unanimidade e o acordo foi notificado hoxe mesmo á directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez López para a continuidade da devandita xestión.

Primeiro Ortigueira presentou dúas mocións, a primeira delas pedindo a elaboración dun mapa da cobertura de Internet nas distintas zonas de Ortigueira e dun proxecto para dotar de conexión a todo o Concello, sobre todo nun momento no que o teletraballo e o ensino mixto -telemático e presencial- serán moi necesarios. Destacou tamén a concelleira desta formación política que pode ser un atractivo máis para atraer poboación a Ortigueira. O punto saiu adiante por unanimidade.

A segunda proposta de Primeiro Ortigueira facía referencia á necesidade de creación dunha plataforma para a venta dos produtos de negocios locais en liña, así como de aumentar a formación dos profesionais neste tipo de comercio. A portavoz do goberno explicou que o Concello xa está traballando xa na promoción do comercio, a hostalería e o turismo. Tamén esta moción foi aprobada por unanimidade.

O alcalde, Juan Penabad Muras, expresou a súa satisfacción polo acordo dos grupos nestes temas tan importantes para os veciños e veciñas.

Back to top