O goberno local de Ortigueira saca adiante o Festival Celta coa negativa de PP e Centristas e a “abstención inentendible” de PO
- O goberno de Muras aproba o Festival e importantes melloras en infraestruturas municipais aos que dedicará un investimento de 1,07 millóns de euros.
- O rexedor lamentou a posición “irresponsable” que demostrou no pleno de onte a oposición á hora de aprobar “ proxectos de tal relevancia para ou
desenvolvemento social e económico do municipio, moi demandados pola veciñanza.
O equipo de goberno local de Ortigueira saca adiante o Festival Internacional do Mundo Celta e importantes melloras en infraestruturas do municipio cun investimento de 1,07 millóns de euros.
No pleno celebrado a tarde de onte, PP e Centristas votaron en contra e Primeiro Ortigueira abstívose na votación para a modificación de crédito con cargo ao remanente líquido para poder levar a cabo as iniciativas, claves para o desenvolvemento social e económico de Ortigueira. O alcalde, Juan Penabad Muras, lamentou a negativa de PP e Centristas e a “posición inentendible de abstención” de Primeiro Ortigueira.
O Concello conta cunha economía saneada e estable, “grazas á boa xestión do goberno local, polo que, por primeira vez en moito tempo, podemos empregar o remanente de tesourería en beneficio dos veciños e veciñas”, indicou o rexedor. “Sen embargo, houbo que repetir o pleno e levar de novo esta proposta porque non temos unha oposición responsable e preocupada pola cidadanía que facilite proxectos de tal relevancia, moi demandados pola veciñanza”. Muras destacou que “con esta votación demostran os seus fins puramente electoralistas e deixan ver que non lles interesa velar polo ben común”.
Impulso ao Festival Celta, motor da economía local
Dentro da iniciativa do goberno local destaca unha partida de 400.000 euros para que a organización do Festival Internacional do Mundo Celta comece coas contratacións do evento. “Este Festival é un dous principais motores da economía local. Cada ano achéganse entre 50.000 e 100.000 persoas ao noso municipio para desfrutar da música folk, o que implica unha importante e necesaria fonte de ingresos económicos para o comercio e a hostalaría local”, explica Muras.
O rexedor sinalou o impulso que supón tamén para o ámbito da cultura, fortemente castigado pola pandemia da covid-19. O equipo de goberno tamén expresou que este orzamento adiántase para ir executando os pasos necesarios para que se poida levar a cabo o festival, e que posteriormente se cofinanciará con “ achegas doutras administración e patrocinadores, que segundo entren irán reducindo o gasto propio do Concello, pero que agora adiantamos para poder levar a cabo as contratacións, xa que moitas delas precisan facerse con tempo porque teñen que licitarse, polo que necesitamos esta partida económica para poder avanzar”.
O equipo de goberno local incidiu en que o investimento inicial realízase con diñeiro aforrado nas arcas municipais. O rexedor mostrouse molesto e non comprende “como se pode votar en contra do Festival do Mundo Celta, sabendo que levamos dous anos sen celebralo e da importancia que supón a nivel económico para Ortigueira”. Muras destacou “que a repercusión económica do festival pode multiplicar por dez a cifra de investimento, quedando a gran parte deses cartos non noso pobo”.
Mellora da seguridade viaria
Por outra banda, dentro das actuacións en materia de infraestruturas sacadas adiante destaca a mellora da seguridade viaria coa renovación do firme das pistas de Cernada, San Andrés, viaduto Vilar, estación de Outeiro, Faxin Seixo, Garita – Cal, Loureiros, Barbeita, de Vilar a Casas, A Serra, Escoceses, O Mogallón, Vilarnovo, Gallupa, Barral, Sortella, Escalo de Abaixo e Monteira. As tarefas levarán a cabo por un importe total de 338.345 euros.
Realizaranse tamén proxectos para mellorar a iluminación municipal co obxectivo de facela máis eficiente e reducir gastos coa ampliación da iluminación led en Porto de Espasante (18.000 euros), a mellora no embarcadoiro de Ladrido (18.000 euros) e todo o interior do mercado municipal (6.000 euros).
Por outra banda, contémplase a redacción do proxecto para acondicionar o solar a medio construír na rúa Salgueiro (18.000 euros), a execución do muro de contención da praza de San Roque (17.363 euros) e a demolición dun dos módulos de vivendas de profesores en estado ruinoso para mellorar a circulación e seguridade e crear máis espazo para aparcamento na contorna do CEIP José María Lage e a biblioteca municipal Juan Fernández Latorre (90.851 euros).