Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GES ORTIGUEIRA E OS BOMBEIROS DO EUME RESCATAN UN CAN QUE CAEU NUN POZO A 15 METROS NA PARROQUIA DE INSUA

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Ortigueira e os Bombeiros do Eume tiveron que intervir esta mañá para rescatar un can que caera nun pozo de moi difícil acceso no lugar do Valado, na parroquia de Insua. Nun primeiro momento deuse aviso ao GES, pero as dificultades para baixar polo pozo e o perigoso da zona onde se atopa -no contorno dunha vivenda abandonada na que hai muros con risco de derrubamento- aconsellaron recorrer tamén aos bombeiros para poder facer a desescalada e subir o can con máis seguridade. O animal localizouse a 15 metros de profundidade e foi rescatado sen feridas de gravidade e entregado aos seus donos.

O alcalde, Juan Penabad Muras, deu orde inmediata para proceder a tapiar o pozo e desde o Concello buscarase quen é o propietario para que se ocupe de asegurar toda a zona en función das directrices municipais. Precisamente Muras mostrouse moi preocupado porque non é a primeira vez no seu mandato que ten que tomar decisións relacionadas con construcións que ofrecen situacións de moito perigo. O ano pasado morreu unha nonaxenaria ao caer noutro pozo.

“Hoxe foi un can, e dámoslle toda a importancia do mundo ao seu rescate, pero se chega a ser un cazador, un sendeirista ou un traballador da madeira e non poden avisar do que lles pasou?”, preguntouse. Por iso pediu a calquera persoa que teña coñecemento ou atope un pozo aberto ou unha situación de perigo que llo notifique persoalmente “sen perder un minuto, porque voulle dar toda a prioridade”. O alcalde insistiu en que está localizable as 24 horas e que este tipo de situacións teñen que corrixirse de inmediato. “Temos que protexernos todos os uns aos outros, pero agora a min, como alcalde, tócame protexer a todos”, destacou, polo que animou á veciñanza a “non dubidalo nin deixalo para despois e avisarme” cando se localicen riscos destas características.

Back to top