O FC Ortigueira recibe 12.000 euros de subvención do Concello
O goberno local recupera unha axuda ao club que non tiña desde hai case unha década.
A concelleira de Deportes, Isabel Rego, subliña a importancia de recuperar un apoio que consideramos básico a unha entidade fundamental no fomento do deporte na mocidade de Ortigueira”.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira de Deportes, Isabel Rego, asinaron onte a concesión dunha subvención nominativa ao Fútbol Club Ortigueira, un apoio que a entidade deportiva non recibía desde hai practicamente unha década. Ao acto de firma, por parte do club asistiron o seu presidente, José Corral, e a secretaria do club, Dolores García.
O acordo contempla un apoio económico que ascende aos 12.000 euros, unha partida que xa estaba reservada no actual orzamento municipal. O principal obxectivo é apoiar ao FC Ortigueira para que continúe sendo un axente fundamental para a dinamización deportiva do municipio.
A entidade deportiva erixiuse como un piar básico na promoción do deporte no municipio, especialmente entre a poboación máis nova. Bo exemplo diso é o campus deportivo que, agora mesmo, está a finalizar a súa primeira quenda. Nel, nenos e nenas de 6 a 16 anos practican deportes como o pádel, o voleibol, o baloncesto, a natación ou, por suposto, o fútbol. Do 3 ao 7 de agosto será a segunda quenda desta actividade que combina á perfección deporte, saúde, diversión e conciliación.
Outro exemplo da integración a través do deporte que fomenta o FC Ortigueira é a posta en marcha a inicios deste ano dun equipo Genuine, en colaboración co propio Concello e a Asociación ASPROMOR. Esta iniciativa tivo unha acollida inmellorable entre os e as deportistas e tamén entre os veciños e veciñas.
A concelleira de Deportes, Isabel Rego, subliña a importancia de recuperar un apoio “que consideramos básico a unha entidade fundamental no fomento do deporte no noso municipio”. Tanto Rego como Calvín celebran que, grazas ao novo orzamento, póidanse instrumentalizar apoios tan necesarios como estes.