O DÚO ZÖE CONWAY&JOHN MC INTYRE PON FIN ESTE VENRES AO CICLO DE FESTIVAL NO TEATRO
O ciclo Festival no Teatro rematará o vindeiro venres, día 31 de maio, ás 21.00 horas coa actuación de Zöe Conway&John Mc Intyre, un dúo folclórico que mestura a música de violín e guitarra para levar ao escenario arreglos de música tradicional irlandesa e composicións e cancións antigas e novas. Será o último dos catro concertos celebrados no Teatro de Beneficencia como actividades complementarias do Festival Celta.
Esta parella incorpora ao seu repertorio outros xéneros como o clásico e o jazz dando mostras do seu virtuosismo e da versatilidade dos instrumentos que utilizan, aos que sacan un interesante rexistro de matices sonoros.
As entradas, que teñen un prezo de 4,5 euros, estarán á venda desde hoxe martes ata o mesmo venres nas oficinas de Cultura do Concello, en horario de 11.00 a 12.00 e tamén se poden reservar a través do correo electrónico info@festivaldeortigueira.com. O día do concerto venderanse na billeteira do Teatro de Beneficencia a partir das 20.00 horas.