Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello renovará a climatización do CEIP José María Lage e adquirirá equipamento para o mantemento das súas rúas

O Concello renovará a climatización do CEIP José María Lage e adquirirá equipamento para o mantemento das súas estradas.

  • Para financiar estes proxectos, nos que se investirán 280.698,57 euros en total, solicitou unha axuda de 230.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local.
  • A actuación no colexio permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio, cun sistema máis moderno e eficiente, que ademais reducirá as emisións de CO2.
  • A maquinaria para o mantemento de vías favorecerá a intervención urxente na reparación ou limpeza do pavimento e o acondicionamento das cunetas e sumidoiros.

O Concello de Ortigueira solicitou unha subvención de 230.000 euros, con cargo ao Fondo de Cooperación Local, para financiar os proxectos de renovación da climatización do CEIP José María Lage e adquisición de equipamento para o mantemento das estradas municipais, que en total supoñen un investimento de 280.698,57 euros.

Por unha banda, a actuación no CEIP José María Lage permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio, substituíndo as instalacións actuais de climatización mediante caldeira de gasoil por un sistema de aerotermia e radiadores máis modernos e eficientes en termos enerxéticos, reducindo así ademais as emisións de CO2 á atmosfera e xerando calefacción, climatización e auga quente sanitaria por un sistema considerado como enerxía renovable.

Esta actuación, que conta cun orzamento de 250.000 euros, inclúe: a instalación de dúas bombas de calor de potencia calorífica mínima de 204 kW con capacidade de produción de auga a 65 graos con -10 graos de temperatura exterior, un depósito de inercia de aceiro, dúas bombas circulatorias, tubaxes preaisladas, liñas de interconexión, cadro eléctrico e contador de kilocalorías.

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, explica que “esta actuación permitirá mellorar as condicións de traballo e ou benestar dos nenos e nenas e tamén dos mestres e mestras” e lembra que “neste sentido, no colexio xa melloramos as ventanas, o ximnasio e, en breve, cambiaremos o sistema de canlóns e baixantes de todo o centro educativo”.

Doutra banda, a adquisición de equipamento para o mantemento das vías municipais favorecerá a intervención urxente na reparación ou limpeza do pavimento, por roturas ou por estar en malas condicións debido ao xeo, a neve ou o barro, e o acondicionamento das cunetas e sumidoiros cando se acumulen balsas de auga.

Juan Penabad Muras sinala que “queremos contar con esta maquinaria para acadar varios obxectivos: mellorar a seguridade viaria e a comunicación nas parroquias, favorecendo así o asentamento de poboación no rural, e tamén dar facilidades á actividade económica, como pode ser extracción de madeira ou a actividade diaria das granxas”.

Así, a través deste proxecto, que conta cun orzamento de 30.000 euros, adquirirase: un pisón vibrante, un ferro reversible, un rodete vibrante e un remolque para transportar este equipamento.

Back to top