O CONCELLO RECIBIRÁ MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DO POS+ 2019 DA DEPUTACIÓN
O Concello de Ortigueira poderá dispoñer de máis dun millón de euros (1.080.344,34 euros) do POS+ 2019 da Deputación Provincial, segundo o reparto de fondos establecido polo organismo provincial. A contía poderase empregar en obras e subministracións, pago a proveedores, gastos correntes e redución da débeda con entidades financeiras.
Este plan provincial ten como obxectivos facilitar a planificación das actividades dos concellos, simplificar as tarefas administrativas, respostar a necesidades concretas que se poidan presentar nos municipios, reforzar a súa autonomía e responsabilidade e contribuír a reducir o seu endebedamento.
Do millón de euros que recibirá Ortigueira, a maior parte, preto de 457.000 euros terán que se empregar para pago de proveedores, gastos correntes e realización de obras ou contratación de subministracións. Case 314.000 euros deberán destinarse a obras ou subministracións ou redución da débeda con entidades financeiras (o Concello ortegano vén de liquidar xa seis préstamos que tiña concertados o anterior equipo de goberno do PP). Por último, o importe restante do POS, cerca de 310.000 euros, terá como finalidade o pago a proveedores ou a execución de proxectos financeiramente sostibles.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 20 de decembro, período no que o Concello de Ortigueira determinará os investimentos que realizará con cargo a estas achegas provinciais.