Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO PROGRAMA UNS OBRADOIROS SOBRE CIBERDELITOS DE NATUREZA SEXUAL DIRIXIDOS A ALUMNADO DE ESO E FP DE ORTIGUEIRA

A Concellería de Igualdade, que dirixe María Dolores Lamelas, programou para os vindeiros días 19 e 26 de abril no IES Ortigueira uns obradoiros dirixidos ao alumnado da ESO e Formación Profesional nos que se tratarán aspectos relativos aos ciberdelitos de natureza sexual.

A actividade, que será coordinada polo Centro de Información á Muller e impartida por María Jesús Bóo Montes, avogada e formadora membro da rede Talento Consultoras, ten como obxectivo empoderar aos adolescentes. Pola súa condición de nativos dixitais, internet e as redes sociais están moi presentes nas súas vidas e o que se pretende é que poidan distinguir claramente como usalas correctamente e cales son as prácticas de risco e os delitos asociados que se poden cometer a través destas canles.

Os obradoiros desenvolveranse dun xeito positivo e participativo, con exemplos reais nos que estean involucrados mozos e mozas adolescentes a través dos que se explicarán conceptos como o sexting, stalking, ciberbullyng, sextorsión, etc. Tamén se insistirá en que a violencia nas redes sociais a miúdo se traslada a unha violencia física na relación de parella.

O alumnado e o profesorado recibirán unha guía na que se recollen tamén todos estes aspectos que serán tratados nos obradoiros.

A concelleira María Dolores Lamelas subliñou que as redes sociais poden ser en moitos casos un contorno perigoso que é importante saber utilizar correctamente, especialmente nunha idade tan vulnerable como é a adolescencia. De aí a importancia de contar con ferramentas como estes obradoiros, que ofrecen información aos mozos e mozas para que coñezan que condutas poden chegar a ser constitutivas dun delito.

A actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos polo Concello de Ortigueira por parte do Ministerio de Igualdade (Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero).

Back to top