O CONCELLO LEMBRA A OBRIGA DE MANTER OS TERREOS LIMPOS DE MALEZA, DIANTE DA PROXIMIDADE DA TEMPORADA DE RISCO DE INCENDIOS
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, ditou un bando para lembrar a obriga de que os propietarios e propietarias de terreos e solares situados no municipio os manteñan limpos e en boas condicións. Esta norma de mantemento e limpeza débese cumprir en todos os tipos de solo e durante todo o ano, pero é especialmente importante que os terreos estean en perfectas condicións antes do 30 de maio, que é cando comeza a temporada de perigo de incendio.
Muras subliña igualmente a obriga de eliminar a biomasa e os piñeiros e eucaliptos situados a menos de 50 metros dos núcleos de poboación ou de calquera vivenda illada, así como dos que se atopan a menos de dous metros das cunetas dos camiños municipais. Neste sentido pide a colaboración dos veciños e veciñas para que corrixan calquera posible irregularidade antes do devandito 30 de maio, coa fin de evitar ter que abrir expedientes sancionadores despois desa data. De non ser así, poderiase recorrer á execución subsidiaria destas tarefas e aplicar os custos correspondentes, que van desde os case 900 euros por hectárea para os traballos mecanizados ata os preto de 4.000 da roza, poda e clareo, pasando polos 1.600 euros por hectárea no caso dos traballos manuais e os máis de 3.500 polo apeo, tronzado e saca mecanizada.
O alcalde agradece ás persoas propietarias o esforzo por manter os seus terreos en bo estado cumprindo estas obrigas, tanto porque contribúen a diminuír o risco de incendios como porque reducen a presenza de insectos e roedores e as molestias que estes ocasionan.