O CONCELLO DE ORTIGUEIRA SUSPENDE OS PRAZOS DE INGRESO DAS PRESTACIÓNS PATRIMONIAIS PÚBLICAS
O Concello de Ortigueira decidiu suspender os prazos de presentación e resolución de todos os procedementos administrativos municipais ata que remate o estado de alerta, a excepción dos relacionados coa situación sanitaria que se está a vivir e co rexistro e pago de facturas.
Nun bando firmado polo alcalde, Juan Penabad Muras, suspéndense ademais os prazos de ingreso das prestacións patrimoniais de carácter público (impostos, tasas, tarifas e prezos públicos, en definitiva os cartos que recada o Concello) en tanto se manteña a actual situación, e infórmase da medida adoptada polo Goberno para que a renovación da tarxeta de desemprego non se teña que facer ata o 30 de abril.
Por outra banda, o goberno acordou tamén suspender a zona azul para contribuír a facilitar a limitación de mobilidade da poboación.
O Concello -que ten constituído un gabinete de crise para o seguemento da situación sanitaria- habilitou un teléfono de atención e información a cidadanía e empresas para aclarar calquera dúbida: 981 400 000, extensión 313.