Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira presenta a axenda cultural para o mes de novembro chea de música, teatro, exposicións e actos contra a violencia de xénero.

  • O Concello impulsa unha programación para todos os públicos

Ortigueira, 3 de novembro de 2022. O Concello de Ortigueira desenvolverá este mes de novembro unha ampla programación cultural con opcións para todos os públicos. A axenda municipal abranguerá diferentes disciplinas, achegándose aos centros de interese da veciñanza.

As actividades comezan mañá mesmo, coa III Concentración de Camións que terá lugar na Alameda de Ortigueira ata o sábado 5. Haberá inchables, sorteos para os pequenos, xantar popular e o desfile de camións.

Tamén mañá a Aula CeMIT acolle o inicio do curso sobre competencias básicas dixitais. Cunha duración de 40 horas, o obxectivo é formar nas novas posibilidades das tecnoloxías dixitais.

O sábado 5 chega o teatro, coa comedia para público adulto “Conexión Pingüín”, no Teatro da Beneficiencia ás 19.30 horas. Coa actuación de Luis Iglesia e Marcos Orsi, o espectáculo de Culturaactiva Produccións encherá de humor o teatro.

O sábado 12 ás 19.30 horas será a quenda da música antiga de Nihil Novum. Terá lugar na igrexa parroquial de Ortigueira, organizado pola Unidade Interparroquial de Ortigueira.

Dentro da programación das festas de San Martiño, o tradicional magosto levarase a cabo o domingo 13 na avenida Juan Luis Pía. Ás 17.00 horas comezarán os xogos populares con Xandobela e ás 19.00 horas chegará a degustación de castañas.

Os pequenos e pequenas gozarán o martes 15, a partir das 17.30 horas, do contacontos “Orella Pendella”, de Migallas Teatro. Será na Biblioteca Municipal, sendo necesaria a inscrición previa chamando ao 981 400 101.

A Asociación Terras do Ortegal promove a presentación do libro “Cogumelos da Comarca do Ortegal”, de José Luis Cuba. Desenvolverase o venres 18 ás 19.30 horas no Teatro da Beneficiencia.

Os actos rematarán o sábado 26, ás 19.30 horas no Teatro da Beneficiencia, co concerto lírico “O sole mío – Napolitanas”, a cargo da Camerata Lírica de España. A base dos sons do piano e a mandolina interpretarán cancións populares italianas.

Exposicións

O Concello de Ortigueira impulsa dúas exposicións durante este mes de novembro, abertas ao público en horario de luns a venres de 10.00 a 13.30 horas.

O Claustro do Concello será escenario de “Disparando con mis ojos”, de Carlos Muiños, desde o 15 de novembro. Trátase dunha mostra fotográfica na que achega ao espectador unha visión persoal sobre como inflúe o retrato actual na mocidade e nas persoas adultas.

E a Sala de Exposicións acolle desde o día 8 a exposición fotográfica do XVI Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica, organizado pola Deputación da Coruña. Comprende a escolma de traballos presentados á iniciativa, no eido do fotodocumentalismo e o fotoxornalismo.

Mes de Non á violencia de xénero

A programación municipal garda un importante espazo en novembro a loitar contra a violencia de xénero, dentro dos actos do 25 de novembro.

Do 21 ao 28 deste mes, o centro social San Adrián acolle a exposición de carteis da campaña municipal contra a violencia de xénero “Ímplicate, son as túas veciñas”. O día 24, o Punto Violeta da Xunta de Galicia visitará a Alameda. A veciñanza poderá acudir ao stand informativo e recoller material da campaña da Secretaría Xeral de Igualdade.

Tamén o día 24 desenvolverase o Seminario de Defensa Persoal Feminina, dirixido a mulleres de 14 a 70 anos de idade. Terá lugar no pavillón do IES Ortigueira a partir das 16.00 horas, promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade.

O día 25, o Concello organiza o acto conmemorativo, coa lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero. Será ás 12.00 horas na Casa do Concello.

Esa mesma xornada, pola tarde, levarase a cabo unha segunda edición do Seminario de Defensa Persoal Feminina, ás 16.00 horas no pavillón do IES Ortigueira. E ás 17.30 horas terán lugar os “Contos nunha roda: Manuel e Manuel de Tarabelos”, dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade na Biblioteca Municipal Fernández Latorre, con inscrición previa.

Back to top