Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PON EN MARCHA UN PROXECTO PARA FAVORECER A COMPOSTAXE CASEIRA

O Concello de Ortigueira publicará a semana que vén as bases para que os veciños e veciñas da localidade interesados poidan participar no proxecto de compostaxe caseiro que se poñerá en marcha na vila co obxectivo de reducir e reutilizar os refugallos domésticos, dándolles un valor engadido como abono orgánico.

A través dunha subvención do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a institución municipal levará a cabo actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos a través un proceso de compostaxe “in situ”, é dicir, nas propias vivendas, sempre e cando dispoñan dun terreo axeitado.

Entre este ano e o que vén entregaranse ás persoas que se impliquen no proxecto un total de 150 composteiros, 100 caldeiros, 85 aireadores e 150 termómetros para que poidan desenvolver o proceso de compostaxe.

O Concello levará a cabo tamén oito campañas de concienciación e tres xornadas formativas e repartirá 600 dípticos informativos sobre a importancia e beneficios da compostaxe caseira. Ao longo do tempo de duración do proxecto realizaranse ademais 350 visitas de seguimento ás persoas participantes para comprobar a evolución en cada caso e dar as recomendacións oportunas.

Back to top