Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PON EN MARCHA A CAMPAÑA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO “IMPLÍCATE, SON AS TÚAS VECIÑAS”

A Concellería de Igualdade de Ortigueira levará a cabo durante todo o mes de novembro unha campaña municipal de sensibilización contra a violencia de xénero baixo o título xenérico “Implícate, son as túas veciñas”, como aportación do Concello á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o vindeiro día 25.

Dentro da campaña inclúense cartelería, un certame de microrrelatos e material promocional como máscaras e almanaques.

Como o resto da campaña, os carteis, que se colocarán en diferentes puntos do municipio e se compartirán tamén nas redes sociais municipais, queren trasladar a mensaxe de que a veciñanza ten unha importante responsabilidade na prevención e erradicación da violencia machista. “A falta de acción pola nosa parte, como veciños e veciñas, contribúe a consentir as accións do maltratador e manter as situacións de violencia de xénero”, indican desde o Centro de Información á Muller.

As imaxes elixidas para a representación gráfica desta necesaria implicación veciñal son unha ventá con reixas, unha porta pechada e unhas escaleiras, cun cartel final que representa unha necrolóxica e o texto “Non agardes a vela no xornal”. O que se intenta transmitir é que ás veces presenciamos accións ou actitudes violentas dalgún veciño cara a súa parella ou escoitamos golpes anómalos na vivenda do lado e non facemos nada para evitalo. En ocasións pechamos a porta ao considerar que non é o noso problema e mesmo criticamos a quen toma a decisión de rachar con estas situacións denunciando ou separándose. Ao contrario, o que se necesita -insisten desde o CIM- é unha rede de apoio, unha barreira fronte ao maltratador, que é o que se pretende conseguir con esta campaña.

Polo que respecta ao concurso de microrrelatos, a temática deberá estar baseada no rexeitamento á violencia machista e, de maneira particular, na responsabilidade que temos como sociedade e veciñanza para erradicar estas condutas, así como no apoio que os veciños e veciñas temos que prestar ás mulleres que sofren para axudalas a saír desa situación.

Os microrrelatos poderán estar escritos en galego ou castelán, terán que ser orixinais e inéditos, cun máximo de un por participante, e non excederán as 180 palabras. Establécense dúas categorías: de 10 a 17 anos e de 18 anos en adiante. Os premios nos dous casos son un dispositivo electrónico portátil ou unha tablet.

O prazo de admisión de orixinais será ata o día 23 de novembro ás 15.00 horas e deberán enviarse a cim@concellodeortigueira.com.

Back to top