Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PASA A CONDICIÓN DE FUNCIONARIO CATRO POSTOS DE TRABALLO NOS QUE SE MANEXAN DATOS PROTEXIDOS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, acaba de ditar unha providencia para que o posto de traballador/a social e tres de auxiliar administrativo do Concello, que na actualidade teñen irregularmente carácter laboral, pasen a considerarse de natureza funcionarial, sen que iso supoña alteración algunha nas retribucións que percibe este persoal. O motivo polo que se realiza o cambio é a necesidade de axustarse á normativa vixente.

Segundo recoñece un informe da Secretaría Municipal, no caso do posto de traballador social hai que ter en conta que é a persoa de referencia para os usuarios e usuarias dos Servizos Sociais e, polo tanto, ten acceso a información sensible que é a que o orienta na toma de decisións para que esas persoas poidan recibir as prestacións que lles corresponden. Nestas circunstancias, necesita ter unha garantía de inamobilidade e que se respecten os principios de obxectividade, imparcialidade, e independencia, que só se consiguen coa condición funcionarial. É dicir, que para poder manexar eses datos segundo a normativa ten que cambiar a súa relación contractual co Concello pasándoa a funcionarial. Tal e como establece a Lei de Emprego Público de Galicia, entre outra lexislación, o mesmo sucede co persoal auxiliar administrativo, que tamén manexa datos de carácter persoal.

A funcionarización destas prazas foi pactada coa representación sindical na mesa de negociación coa que se está preparando a oferta de emprego público para este ano. A decisión será sometida a exposición pública por 15 días antes da súa publicación no BOP.

O alcalde dixo que se trata dunha medida tendente a avanzar na racionalización do funcionamento municipal. “Vaise poñendo orde pouco a pouco nun Concello que eu considero difícil”, destacou.

Back to top