O Concello de Ortigueira licita a mellora de varios camiños no Ermo, San Claudio e no Viso por máis de 100.000 euros
• A mellora destes viais está financiada a través do remanente das arcas municipais
• Juan penabad incide na importancia de seguir chegando ás zonas rurais a fin de “manter un equilibrio coa prestación de servizos nas zonas urbanas”
Ortigueira, 7 de decembro de 2022. O Concello de Ortigueira licita a mellora de varios camiños municipais situados nas parroquias do Ermo, San Claudio e o Viso.
Unha das obras que se acometerá é a renovación da pista situada entre as vivendas de Escalo de Abaixo, na parroquia do Ermo, e outra pista que une Faxín co Seixo, na parroquia de San Claudio.
No lugar de Escalo de Abaixo procederase a pavimentar de formigón e colocarase un firme de saburra, ademais colocar uns novos sumidoiros e unha rede para a recollida de pluviais. No lugar de Faxín — O Seixo pavimentarase con tripla rega asfáltico, para o que será necesaria a apertura das cunetas, facer un varrido da superficie e crear unha nova rede para a recollida de pluviais. O orzamento desta actuación é de 40.182 euros.
Na execución que se vai levar a cabo na parroquia de Céltigos, no Viso, renovarase o camiño que une a Garita co Cal, pasando por Figueiras, un vial moi transitado polos veciños.
Procederase a limpar as cunetas, un varrido do firme e colocarase un aglomerado en quente, pintando as marcas viarias reflectoras nos laterais e os sinais horizontais. Colocaranse tamén dous sinais verticais de stop nos cruces. Entre as vivendas de Figueiras vai executar previamente un escarificado a base de firme de macadam. O orzamento da obra ascende a 61.832 euros.
O montante total de ambas as licitacións, que se eleva ata os 102.014 euros, finánciase a través do remanente de tesourería das arcas municipais.
Segundo apunta o alcalde, Juan Penabad, “con esta mellora de camiños renovamos as infraestruturas básicas en varias zonas rurais do noso municipio, mellorando a calidade de vida dá nosa veciñanza”.
O rexedor incide na importancia de “manter un equilibrio coa prestación de servizos nas zonas urbanas”.
Por último, o mandatario ortegano recalcou que “este tipo de actuacións, financiadas a través do remanente municipal, pode levarse a cabo grazas a unha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos por parte do Goberno municipal”.