Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA ENTREGARÁ ESTE ANO 100 COMPOSTEIROS PARA A RECICLAXE CASEIRA

O Concello de Ortigueira ten aberto o prazo para que os veciños e veciñas da localidade interesados poidan participar no proxecto de compostaxe caseiro que comezou o ano pasado e que ten como obxectivo reducir e reutilizar os refugallos domésticos, dándolles un valor engadido como abono orgánico.

A través dunha subvención do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a institución municipal continuará co desenvolvemento de actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos a través un proceso de compostaxe “in situ”, é dicir, nas propias vivendas, sempre e cando dispoñan dun terreo axeitado.

Este ano está previsto entregar un cento de composteiros ademais de levar a cabo campañas de concienciación, xornadas formativas e visitas de seguimento ás persoas participantes para comprobar a evolución en cada caso e dar as recomendacións oportunas.

Por outra banda, o concelleiro de Servizos, Juan Cao, informou de que se está levando a cabo unha campaña de limpeza e desinfección de todos o colectores do concello para que o tratamento de lixo funcione da mellor maneira posible. Neste obxectivo se inscriben os últimos pasos dados pola administración local para solicitar da Subdirección Xeral de Resíduos da Xunta 15 colectores azuis para papel e cartón, que virían substituír os que se atopan en peor estado. Como xa se informou, o alcalde, Juan Penabad Muras, dirixiuse hai uns días á empresa Sogama para solicitar unha bonificación do 10% no custo do tratamento de residuos este ano, rebaixa que se trasladará aos recibos da veciñanza. Este desconto pídese á vista de que por parte do Concello se garante a adopción de medidas de redución do lixo e fomento da reciclaxe que xustifican esta diminución no custo.

Back to top