Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA EDITA UNHA TARXETA DE NADAL CON TODA A PROGRAMACIÓN DAS FESTAS

O Concello de Ortigueira acaba de recoller nunha tarxeta de Nadal toda a programación organizada para estas festas, incluíndo as dúas datas máis significativas para os nenos e nenas: as cabalgatas de Papá Noel (o 24 de decembro) e Reis Magos (o 5 de xaneiro). As actividades previstas para a primeira darán comezo ás cinco da tarde na carpa situada na Alameda, con música e xogos infantís nos que participarán -xunto aos pequenos e pequenas- os elfos axudantes de Papá Noel. El chegará en carroza a partir das 18.30 para escoitar as peticións da cativada e repartir caramelos. Tamén haberá actividades organizadas á marxe do Concello entre as que se inclúe unha chocolatada servida por estudantes de 4º da ESO do IES de Ortigueira.

A Cabalgata de Reis contará con moitas sorpresas, entre elas as carrozas das Súas Maxestades. Sairá ás 18.30 horas e recorrerá as rúas da vila para rematar na praza de Isabel II, onde tamén recibirán aos nenos e nenas.

Entre as dúas cabalgatas haberá moitas máis actividades. Mañá mércores 18, a partir das 17.30, desenvolverase na biblioteca municipal o obradoiro BiblioNadal, para idades entre 6 e 12 anos. O venres ás 19.30 terá lugar na Igrexa de Santa Marta o Concerto de Nadal da Escola de Música Concello de Ortigueira e ao día seguinte será a quenda de Teatro da Ramboia, coa representación de “O meu mundo non é deste reino” sobre o escenario do Teatro de Beneficencia.

O luns 23 volverán os obradoiros á biblioteca, neste caso ás 11.00 cun musical que leva por título “Imos cantar ao Nadal” e que está pensado para idades de 4 a 12 anos. O xoves 26 haberá festa infantil e un novo taller na carpa da Alameda a partir das 17.00 horas, e o venres 27, no Teatro de Beneficencia, un festival solidario organizado pola Escola de Gaitas de Ortigueira a beneficio de AFALU (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Doenzas). Participarán Troula&Stone, de Ortigueira; Dreaming en Galicia (agrupación de acordeóns de Cedeira) e a Escola de Gaitas de Ortigueira e dará comezo ás 20.30 horas.

O sábado 28 será o Concerto Clásico de Nadal, tamén no Teatro de Beneficencia, co trío de corda dirixido por Mijail Moriatov. Comezará ás 19.30 horas e as entradas venderanse ao prezo de 3 euros. E xa o domingo 29 ás 18.00 horas celebrarase un novo Festival Solidario, neste caso en favor de Aspromor, organizado polo Coro de Espasante.

Back to top