Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA ACLARA QUE SI ENVIOU OS DATOS DE AUXILIARES DO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO PARA A SÚA VACINACIÓN E PIDE Á CONSELLERÍA DE SANIDADE QUE CORRIXA UNHA INFORMACIÓN SOBRE O TEMA

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, desmentiu hoxe categoricamente unha información publicada por GaliciaPress na que incluía a este concello entre os que estaban dificultando a vacinación de traballadoras de axuda no fogar ao non remitir a listaxe deste persoal ao Sergas. O diario remítese a unha información da Consellería de Sanidade segundo a que 43 concellos non enviaron estes datos nin directamente nin a través da Fegamp.

Neste sentido, o alcalde apunta que “seguindo as instrucións recibidas, remitiu o pasado 10 de febreiro a través da Fegamp o listado certificado cos datos das auxiliares que prestan o servizo municipal de axuda a domicilio” e que o propio organismo acusou recibo destes datos ao día seguinte, o 11 de febreiro.

Ademais, Muras di que a proba de que si se recibiron estes datos está en que a día de hoxe varias traballadoras deste servizo están sendo vacinadas no CHUF, e en que o resto están citadas para mañá.

Por estes motivos, solicita á Consellería de Sanidade que faga pública unha nova información corrixindo os datos erróneos e excluíndo da lista de Concellos que non enviaron os datos ao de Ortigueira e outros que puideran estar na mesma situación.

Back to top