O CONCELLO DÁ A COÑECER O PROGRAMA DE FESTAS DE SANTA MARTA E RESPOSTA A UN NENO QUE PRESENTOU UN ESCRITO PEDINDO ATRACCIÓNS INFANTÍS
O Concello de Ortigueira ten preparado xa o programa de festas de Santa Marta, que se desenvolverá desde o sábado 27 ao mércores 31 de xullo e que inclúe música, animación e atraccións infantís e as tradicionais procesións, para rematar coa Xira Campestre no piñeiral de Morouzos.
Precisamente no día de onte un neno da vila presentou no propio Concello un escrito no que se interesaba polas atraccións, e pedía expresamente “a presenza do saltamontes e o breakdance como mínimo”, un tema que consideraba “de vital importancia”. Desde o goberno apresuráronse a tranquilizar ao pequeno asegurando que haberá atraccións infantís e, polo menos, está garantido o saltón. “É o que máis nos preocupa, porque é a nosa motivación para asistir ás devanditas festas”, comenta o rapaz no seu escrito.
O programa comenzará o sábado 27 co pregón no Cantón, seguido dunha verbena na Penela coa actuación da orquestra Tokio. O domingo percorrerán as rúas as bandas de música de As Pontes, Vila de Cedeira, San Xoán de Calo, e a Banda de Música e Escola de Gaitas de Ortigueira, para continuar cun espectáculo de baile tradicional na Alameda coa agrupación Troula do Ortegal. A verbena, tamén na Alameda, será amenizada polo grupo Cabaret.
Ao día seguinte, o luns 29, haberá unha misa cantada pola Coral Polifónica de Ortigueira, seguida da procesión de Santa Marta, á que acompañarán o grupo de percusión Os Martiños e a Banda de Música de Ortigueira. A continuación celebrarase no Cantón un concerto da Banda de Música de Ortigueira e, xa pola noite, a verbena da Alameda contará coas orquestras Abanico e Atenas.
O martes 30 a Coral Polifónica de Ortigueira volverá cantar na misa, que nesta ocasión está dedicada á Virxe da Caridade. A imaxe sairá en procesión ao rematar a cerimonia relixiosa, acompañada pola banda Tau de Viveiro. Nesta xornada haberá un espectáculo de animación infantil a cargo da compañía de teatro Ghazafelhos nos xardíns e, para rematar, a verbena nocturna na Alameda será amenizada pola orquestra Platinium.
As festas concluirán o mércores 31 coa tradicional Xira Campestre no piñeiral de Morouzos, unha xornada de confraternidade e almorzo ao aire libre na que a música correrá a cargo do grupo tradicional Ronsel.