O CONCELLO CONVOCA UN CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL PARA OS NENOS E NENAS DE ORTIGUEIRA
Os nenos e nenas de Ortigueira poderán poñer a proba a súa creatividade participando no concurso de postais de Nadal que organiza o Concello. O certame está dirixido á rapazada de entre 3 e 12 anos de idade, en dúas categorías, ata 7 anos e de 8 en adiante.
A técnica para o deseño das postais será libre, pódense usar materiais reciclados, purpurina, collage, etc. pero terase en conta que se poidan escanear con facilidade porque o obxectivo é subilas á redes sociais do Concello. Os únicos requisitos son o tamaño -formato A5, en horizontal ou vertical- e que a imaxe teña algún elemento identificativo de Ortigueira.
Os traballos participantes recolleranse nas oficinas xerais municipais ou no departamento de Cultura ata o 21 de decembro, e terán que incluír o nome e apelidos, idade e teléfono de contacto.
Os premios consistirán en senllas tablets para o gañador/a de cada categoría, mentres que os segundos recibirán un vale de 75 euros para mercar material deportivo ou educativo. O xurado emitirá a súa resolución o día 23 e nesa mesma data subiranse as tarxetas gañadoras ás redes sociais do Concello.