Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO COMEZA A TRAMITACIÓN PARA ADXUDICAR AS OBRAS DE MELLORA DA ILUMINACIÓN NO NÚCLEO DE ESPASANTE

O proxecto do Concello de Ortigueira para mellorar a iluminación pública no núcleo do porto de Espasante xa pode comezar a súa tramitación despois de que a Deputación Provincial lle dera hoxe o visto bo ao presuposto, que supera os 137.500 euros. O goberno local incluiu esta obra dentro da aportación que lle corresponde a Ortigueira no POS do organismo provincial, de forma que agora empezará o proceso de adxudicación destes importantes traballos, que terán un prazo de execución de tres semanas desde que dean comezo.

As obras teñen por obxecto mellorar a eficiencia enerxética e propiciar o aforro no consumo, ademais de reducir a contaminación lumínica. Afectarán a rúas de diferente titularidade -algunhas dependentes do Concello e outras da propia Deputación, Demarcación de Costas e Portos de Galicia- e suporán a instalación de 195 luminarias LED en todo o núcleo de Espasante.

Na actualidade, algunhas zonas teñen iluminación subterránea con luminarias sobre báculos, outras – como o interior do casco urbano- dispoñen de cableado aéreo e luminarias nas fachadas e tamén as hai que teñen como soporte un brazo mural ou poste. En todos os casos presentan problemas de eficiencia enerxética, porque son de vapor de sodio de alta presión e o seu rendemento lumínico é escaso, ademais supoñen un gran consumo e sofren diferentes estados de deterioración, xa que están chegando ao fin da súa vida útil.

Para elixir as novas luminarias, desde o Concello tivéronse en conta diferentes criterios, desde a tipoloxía do viario onde se van colocar ata a uniformidade e estética nas rúas, a elección de diferentes solucións segundo os niveis de iluminación que necesita cada zona e a selección en función da potencia, fluxo, eficiencia e aforro enerxético. O proxecto -que financiou o propio Concello con fondos municipais- contempla a reitrada das luminarias existentes e a súa substitución por tecnoloxía LED. Colocaranse 84 de entre 30 e 60 watts para viais principais e amplos; 32 de 40 w no casco antiguo e rúas peonís e 79 de 20 w no paseo marítimo. Instalarase ademais un poste de formigón para a rede aérea cun brazo soporte para unha luminaria; substituiranse dous brazos soporte de fachada por outros dous de tipo mural, cambiaranse algúns cadros de mandos e pintaranse tres farolas e 30 brazos mural.

O alcalde, Juan Penabad Muras, destacou a importancia deste proxecto tanto desde o punto de vista medioambiental e de aforro enerxético como para garantir que Espasante teña unha iluminación axeitada e acorde co contorno.

Back to top