O Concello aproba cun incremento dun 6,26% o seu orzamento, que alcanza os 6,2 millóns de euros en 2022
- O documento económico levouse a debate no pleno extraordinario celebrado esta mañá.
- Muras destacou que se trata “ duns orzamentos que son realistas, que amosan unha boa situación económica e nos que mantemos o compromiso cos criterios de saneamento da xestión municipal”.
- Na sesión plenaria tamén se deu luz verde aos proxectos que se incluirán dentro do Plan Único 2022 da Deputación da Coruña, a través do que se dedicarán 604.767 euros para incrementar a seguridade viaria, reforzar prestacións sociais e financiar gasto corriente.
O Concello de Ortigueira aprobou hoxe en pleno extraordinario o orzamento para o 2022, que se incrementa en 374.290 euros (un 6,26%) con respecto ao ano pasado e ascende a un total de 6.203.521 euros. A corporación local tamén deu luz verde na sesión plenaria aos proxectos do Plan Único 2022 da Deputación da Coruña, que contan cun investimento de 604.767 euros.
O alcalde do municipio, Juan Penabad Muras, destacou que “ neste 2022 incrementamos uns orzamentos que son realistas, que amosan unha boa situación económica e nos que mantemos o compromiso cos criterios de saneamento da xestión municipal. En relación a isto, cabe destacar a mellora continuada do período medio de pago a provedores e unha liquidez de tesourería de 3 millóns que nos garante a solvencia económica, cun remanente de 2,45 millóns que nos permitirá afrontar posibles modificacións orzamentarias non caso de ser preciso”, sinalou. “Mantemos o noso compromiso, ademais, sen pedir un maior esforzo fiscal á cidadanía nestas circunstancias tan complexas por mor da pandemia”.
O rexedor indicou que neste contexto de pandemia, “a prevención e as consecuencias económicas e sociais derivadas da crise sanitaria cobran un protagonismo especial, por este motivo, un 27% do total do orzamento irá dirixido a servizos sociais co obxectivo de chegar a todas aquelas persoas que necesiten do noso apoio”.
O documento económico recolle un investimento de 2.051.409 euros para servizos básicos esenciais como a subministración eléctrica, a xestión de residuos ou a prestación de axuda a domicilio. Tamén se inclúen neste apartado a conservación de infraestruturas como edificios públicos, así como a pavimentación de vías públicas, a mellora de camiños rurais, o mantemento de vehículos e maquinaria, a limpeza de cunetas, as tarefas de roza, a contratación de equipos de salvamento e socorrismo e o financiamento do Festival Internacional do Mundo Celta.
Por outra banda, o orzamento reserva unha partida de 185.000 euros para subvencións, destacando entre elas as da Asociación Pro Minusválidos do Ortegal (70.000 euros) e a Confraría de Pescadores de Espasante (25.000 euros). O Concello tamén inclúe no apartado as axudas á natalidade para fomentar o asentamento da poboación no municipio, bolsas para estudantes e subvencións de emerxencia social para sectores vulnerables.
Ademais, destínanse 132.158 euros para iniciar os trámites de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, substituír o mobiliario de madeira deteriorado, adquirir camas e guindastres para os veciños e veciñas que o necesiten e para cofinanciar o programa Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais.
Ademais, destinaranse 20.087 euros a gastos financeiros e 18.158 para pasivos financeiros. Por último, increméntanse os gastos de persoal que chegan a 3.947.024 euros para cumprir coa Lei 22/2022 do 28 de decembro de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 022 que incrementou nun 2% a retribución.
O pleno aprobou os proxectos do Plan Único 2022, que contan cun orzamento de 604.767 euros
O Concello aprobou na sesión de hoxe os proxectos do Plan Único 2022 da Deputación da Coruña. Muras, presentou as diferentes iniciativas, que contan cunha partida orzamentaria de 604.767 euros e que “permitirán levar a cabo importantes melloras, moi demandadas pola veciñanza”.
O Concello pretende dedicar 483.941 euros do Plan de Obras e Servizos para mellorar infraestruturas no municipio e gasto corrente. Así pois, 73.495 euros dirixiranse a renovar con aglomerado en quente a pista desde a Igrexa de Luhía ata Cancelo e 65.229 euros para a rexeneración de estradas en Loiba e Mera de Arriba. Pola outra banda, Muras explica que 345.216 euros dedicaranse a financiar gastos correntes.
Dentro do Plan Único 2022, o Concello aprobou o Plan Único Social, que conta con 120.825 euros para a reforzar prestacións como o servizo de axuda a domicilio, adquirir novas camas, guindastres e outros equipamentos para dar apoio ás persoas que os necesiten e convocar axudas para aquelas que se atopen en situación vulnerable.
Muras presentou as propostas, coas que se pretende “reforzar os nosos servizos co obxectivo de estar con todas aquelas persoas que nos precisen, sen esquecernos nin deixar a ninguén atrás”. Así pois, destinaranse 20.000 euros á ampliación e dotación das partidas municipais dedicadas a axudas de emerxencia a persoas soas ou a familias en risco de exclusión social, poñendo o foco en colectivos como persoas maiores, con diversidade funcional, mulleres en situación vulnerable ou vítimas de violencia de xénero.
Con este investimento o Concello dará apoio á cobertura das necesidades básicas como a vivenda, alimentación, electricidade, educación, gastos médicos ou farmacéuticos ou transporte. Preténdese destinar tamén unha importante partida de 75.426 euros para ampliar o servizo de axuda a domicilio e calquera outro tipo de prestación que leve a cabo no fogar da persoa beneficiaria, como poden ser rehabilitación, perruquería, podoloxía, comedor sobre rodas ou outros.
Á súa vez, empregaranse 25.399 euros para adquirir equipamento técnico como camas, cadeiras de rodas ou guindastres para as persoas que o necesiten no seu domicilio, e calquera outro material valorado polos profesionais dos servizos sociais comunitarios.
O pleno tamén definiu o Plan Único Complementario
O pleno da Corporación local tamén definiu o Plan Complementario 2022, no que se inclúen cinco actuacións para incrementar a seguridade viaria no municipio que contan cun orzamento de 292.521 euros.
O Concello investirá 33.082 euros na rexeneración da pista de San Miguel a Deveso en Insua, 58.759 euros na mellora de pavimentación da pista de Igrexario a Ramil en O Ermo, 34.312 euros na renovación de pistas en Céltigos e Loiba, 90.643 euros no acondicionamento da pista de Xorres en Couzadoiro e 75.722 euros en aglomerado en quente da pista de Bodeguiña a Rocha, en San Claudio.