O Claustro do Concello de Ortigueira acolle a exposición da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia ‘Unha realidade oculta’
O Claustro do Concello de Ortigueira acollerá ata o mércores 15 de novembro a exposición ‘Unha realidade oculta’, da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia.
A mostra está composta por 24 imaxes que se colgan dun cordón e suxéitanse con pinzas, sendo facilmente transportables e desmontables. Segundo informan desde a propia asociación, isto é así dado que o importante está no seu contido.
Nas fotografías pódese apreciar unha realidade moitas veces oculta: a violencia sexual exercida cara a nenas e mulleres con discapacidade. A exposición foi creada a partir da representación das imaxes que foran editadas para a guía realizada pola entidade no ano 2018 sobre esta mesma realidade.
Así, ambos os recursos outorgan ás persoas que contemplan as imaxes as ferramentas para a reflexión e o debate interno e externo, ao mesmo tempo que desenvolven un sentimento de complicidade coas mulleres que as protagonizan.
Tanto a guía como a exposición foron subvencionadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, Vicepresidencia do Goberno e o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.
Desde o goberno local animan á poboación a achegarse ata o Claustro do Concello e contemplar unha dura realidade que afecta por centos de mulleres e nenas en todo o mundo e que, baixo ningún concepto, debe seguir oculta. “Para nós a loita contra a violencia de xénero é unha secuela contra a que hai que loitar cada día e cremos que darlle visibilidade é importante para que non repítase”, asegura, “non podemos deixar de traballar nin un só día pola inclusión social”, completaron.