O ALCALDE LAMENTA O “DÉFICIT PROTOCOLARIO” NA VISITA DA CONSELLEIRA DE BENESTAR E QUE NON TROUXERA NINGÚN COMPROMISO CON ASPROMOR E A RESIDENCIA DE MAIORES
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, lamenta o déficit protocolario que se produciu hoxe con motivo da visita da conselleira de Benestar Social, Fabiola García, ás instalacións de Aspromor e a residencia de maiores de Ortigueira e agarda que non quede nunha simple xornada de “turismo político” e traia consigo a dotación de recursos para ámbalas dúas entidades. O rexedor, que foi avisado desta visita na tarde do pasado venres sen formalidade algunha, considera que cando algún membro do goberno galego acode a un municipio debería ir en primeiro lugar -por respecto institucional- ao Concello, cousa que non sucedeu. Aínda así, o alcalde si estivo presente na visita acompañado polo concelleiro da área.
Pero sobre todo, ademais das formas, Muras lamenta o fondo da visita, xa que a conselleira non adquiriu compromiso algún -dixo- nin coa residencia de maiores nin con Aspromor, entidades que ata agora non coñecía. O desexo do alcalde é que a visita dea algún froito no curto prazo, coa habilitación de recursos xa no 2019 para mellorar os servizos que se prestan nas dúas institucións e, polo tanto, a atención aos seus usuarios e usuarias. Neste sentido dixo que a proximidade das eleccións non significa que se poidan utilizar as necesidades das persoas.