O ALCALDE DICTA NOVAS MEDIDAS NA CRISE DO CORONAVIRUS, MANTENDO ALGÚNS CONTRATOS ESENCIAIS E ESTABLECENDO QUE SERVIZOS FUNCIONARÁN DE XEITO PRESENCIAL
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, dictou unha resolución ampliando as medidas adoptadas polo Concello diante da crise do coronavirus, como consecuencia do novo decreto que amplía as restriccións de mobilidade e concede permiso retribuído e recuperable ás persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais. No caso do Concello de Ortigueira, esta decisión ten repercusión directa sobre os empregados públicos que seguen prestando servizos esenciais e sobre os traballadores de empresas que teñen adxudicados contratos municipais.
A resolución da Alcaldía establece que a institución municipal manterá o funcionamento dos servizos municipais en réxime de teletraballo mentres dure o estado de alarma. Traballarán presencialmente a Policía Local, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal, os servizos de limpeza, xardinería e recollida de residuos, e os de mantemento (reparacións, electricidade e iluminación pública), así como os de axuda a domicilio, abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais, e cemiterio.
Continuarán funcionando tamén de xeito presencial exclusivamente cando non sexa posible traballar telematicamente, a atención cidadá (atención telefónica), estatística (padrón de habitantes), informática, persoal, recadación, servizos sociais e Centro de Información á Muller. Nestes casos, os servizos presenciais desenvolveranse por un único empregado designado polo xefe de área.
Mentres se prolonguen as medidas de confinamento queda en suspenso a execución dos contratos administrativos relativos a suministro e instalación de iluminación eléctrica; acondicionamento do parque infantil; acondicionamento do ximnasio e instalación de protección no CEIP José María Lage; mellora de accesibilidade no patio norte e acondicionamento dos espazos exteriores da residencia Dolores Díaz Dávila; mellora da iluminación pública en Fontela-Ferreiros, O Fabeiro, Taipa e Navallo de Baixo; e mellora de accesibilidade ao salón de plenos do Concello.
Por considerarse indispensables para o mantemento e seguridade dos edificios e para a correcta prestación do servizo público manteranse en execución os contratos de reparación da cuberta da biblioteca municipal de Ortigueira, a rehabilitación do antiguo mercado na praza de Isabel II e a reforma e adecuación do sistema de saneamento de Espasante.
Destas medidas darase conta no vindeiro Pleno da corporación
Descarga PDF Resolución da ampliación das medidas excepcionais pola crise COVID-19