Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE ORTIGUEIRA ESTABLECE NUN BANDO AS NORMAS PARA AS LUMARADAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, dictou un bando no que anuncia a obrigatoriedade de presentar no rexistro municipal unha notificación previa para a organización de lumaradas de San Xoán e San Pedro, facendo constar o DNI do solicitante e o lugar onde se vai desenvolver.

En todos os casos deberán respectarse as normas derivadas da situación actual como consecuencia da Covid-19 e non se poderá facer lume en espazos públicos con pavimento de formigón ou asfalto, sobre céspede das zonas verdes, nin nas praias e áreas vexetais limítrofes ás mesmas. Noutra clase de espazos públicos tomaranse as medidas necesarias para non provocar danos no chan.

A persoa responsable da lumarada terá que tomar as medidas oportunas para evitar a súa propagación e no caso de emerxencia chamar ao 085 ou 112.

O máximo de altura e diámetro permitido para os lumes é de tres metros; os de dous metros de alto e un de diámetro e menores terán que estar separados un mínimo de 8 metros de edificios, construcións, locais, árbores, tendidos eléctricos ou telefónicos e canos de gas. Esta distancia aumentará ata 12 metros se son de maior tamaño. Haberá que asegurarse tamén de que non hai nos arredores locais que conteñan produtos inflamables -a distancia mínima destes será de 25 metros-, non se poderán quemar pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano, aceites, mobles ou calquera cousa que ao arder provoque un fume tóxico, e tampouco se poderá iniciar nin avivar o lume con substancias inflamables.

En caso de vento non se poderán facer as fogueiras, que terán que ser apagadas se este fai a súa aparición. Ao rematar as lumaradas, os seus responsables aseguraranse de que as cinzas queden totalmente apagadas e no poderán deixar de vixilar a zona ata que sexa así.

En todo caso, serán responsabilidade das persoas que fan estes lumes os danos que se puideran producir.

Back to top