O ALCALDE DE ORTIGUEIRA DI QUE “NESTA SITUACIÓN HAI QUE CONCENTRARSE NAS PERSOAS QUE NECESITAN AXUDA”
O Concello de Ortigueira xa comunicou á Consellería de Presidencia todas as medidas adoptadas pola crise sanitaria do coronavirus Covid-19, cumprindo as directrices de actuación que se deron e insistindo en poñer o foco na atención ás persoas máis vulnerables nesta situación: as maiores, as que teñen algunha enfermidade previa ou as que sufren problemas de mobilidade e non teñen apoio familiar.
O alcalde, Juan Penabad Muras, di que “hai que concentrarse nas persoas que necesitan axuda” e insiste en dirixirse a este colectivo para que recurra aos teléfonos habilitados polo Concello para axudarlles facéndolles a compra de productos de primeira necesidade, como alimentos ou medicamentos. Os números aos que teñen que chamar son o 981 204 542 e o 604 002 167. Está atendido por dúas persoas as 24 horas, pero hai que aclarar que é un servizo pensado exclusivamente para este colectivo que está nunha situación de desamparo nestas circunstancias. Todos os casos son notificados directamente ao alcalde, que comenta que está pendente de calquera incidencia día e noite, e aos Servizos Sociais. Con respecto a esta atención que se presta desde o Concello, Juan Penabad Muras quixo agradecer tamén o xesto dunha farmacia do municipio que se ofreceu a levar directamente a medicación ao domicilio de quen a necesite e se atope nesa situación de vulnerabilidade. Destacou que é un ofrecemento moi importante porque para os afectados é moito máis útil que sexa o propio persoal de farmacia o que lles entregue os medicamentos, xa que deste xeito poden consultarlles calquera dúbida.
A solidariedade é unha das cuestións que destaca o alcalde nesta situación. “En Ortigueira sempre se trata moi ben á xente, algo que xa se ve cando veñen de fóra a visitarnos, pero agora hai un sentimento especial de atención dos uns polos outros do que estou moi orgulloso”, explica, “hai un montón de voluntarios que se están a ofrecer para axudar no que poidan e estamos tomando nota de todos eles, porque aínda non se ten certeza do alcance desta situación e pode ser que nalgún momento se necesite a súa colaboración”.
Comportamento exemplar
Este comporamento “exemplar” que está a ter a poboación de Ortigueira reflíctese tamén no respecto á corentena: a xente queda na casa e non hai aglomeracións nos supermercados e establecementos de alimentación. O alcalde está en contacto permanente coa Policía Local e Protección Civil e ata o momento non se produciron incidentes de ningún tipo. En caso necesario, estes efectivos completaranse con dous gardas rurais.
O rexedor municipal destacou especialmente o papel que están a xogar nesta crise as pequenas tendas “de toda a vida”, que teñen de todo e son moi útiles para comprar rapidamente, sen necesidade de desprazarse no coche. Pero como en todos os municipios que teñen unha parte de superficie importante fóra da zona urbana, a venta ambulante está a prestar un servizo esencial. Os camións de reparto de produtos básicos continúan a facer a súa ruta e, como destaca Juan Penabad Muras, ademais de cumprir co seu traballo son unha importante fonte de información ao chegar a puntos onde viven persoas soas, xa que poden notificar calquera problema que se presente e, de feito, xa están avisados para que así o fagan se ven que alguén pode necesitar axuda. Precisamente as persoas que teñen as súas casas en lugares alonxados de núcleos de población, moitas delas maiores, son unha das principais preocupacións do alcalde, que insiste especialmente en que os seus familiares ou veciños máis próximos chamen a eses teléfonos habilitados polo Concello se necesitan algún produto de primeira necesidade ou a Servizos Sociais se é un tema que precisa da súa atención.
E entre eses productos de primeira necesidade nesas zonas, inclúese tamén o alimento para os animais “algo do que non se está a falar moito, pero na zona rural é importante porque hai que darlles de comer todos os días”, comenta o rexedor. Por iso invitou ás persoas que se desprazan para comprar este tipo de produtos a mercalos tamén para os seus veciños se lles fan falta, adoptando as debidas precaucións de contacto entre eles e evitando así viaxes innecesarias.
Limpeza
Nesta situación excepcional, o personal administrativo do Concello está, na súa mayoría, traballando desde a casa, os profesores da Escola de Música Concello de Ortigueira imparten as clases online, os parques están precintados e a zona azul de aparcamento en suspenso. Pero unha das cuestións que preocupa ao alcalde é a da limpeza. Neste sentido, deu orde de levar a cabo tarefas de desinfección en todo o municipio a medida que sexa posible, con especial atención ás zonas situadas diante dos supermercados e das farmacias, onde se concentra nestes días maior número de persoas. Tamén pide aos veciños que respecten os horarios de recollida de lixo e procuren pechar ben as bolsas e non enchelas demasiado, para garantir que se manteñen unhas condición hixiénicas axeitadas e a protección dos traballadores do servizo de limpeza. O punto limpo non prestará atención ata que se recupere a normalidade.
O Concello, que xa deixou en suspenso os prazos para tramitación de procedementos administrativos e os de ingreso de prestacións patrimoniais de carácter público (impostos, taxas e prezos públicos), funciona en servizos mínimos de 9 a 14 horas. Os trámites débense realizar a través da sede electrónica (https://ortigueira.sedeelectronica.es) ou en casos excepcionais e urxentes pedindo cita previa no teléfono 981 400 000. Neste mismo teléfono, na extensión 313, habilitouse un servizo de información á cidadanía e ás empresas. O alcalde explicou que unha vez que se saiba que medidas adoptan a Xunta e o Goberno central para axudar ao comercio, as pequenas empresas e as familias, o Concello vera tamén como pode contribuír no aspecto económico e sociolaboral para paliar os efectos derivados da situación sanitaria.
Juan Penabad Muras agradeceu á veciñanza o cumprimento das directrices que se están a dar nesta crise e insistiu en que a información debe obterse exclusivamente de canles oficiais. Lembrou neste sentido que hai que seguir as recomendación hixiénicas dadas polas autoridades sanitarias. En caso de sospeita de contaxio o teléfono ao que hai que dirixirse é o 900 400 116 (061 ou 112 en casos graves) e na páxina web do Sergas hai disponible un autotest (htttps://coronavirus.sergas.gal/autotest/index.html).
Todas estas medidas, xunto coas adoptadas polo Concello nesta crise, foron recollidas nun cadro resumo que o alcalde ordenou confeccionar para colgalo nas redes sociais e páxina web, de forma que a poboación poida acceder facilmente e nun mesmo lugar á gran cantidade de información que se está publicando estes días. O rexedor municipal expresou finalmente a súa confianza en que todo poida volver á normalidade canto antes. Ata entón, asegurou que o Concello tomou as medidas necesarias e está preparado para atender as necesidades dos veciños e veciñas.