O ALCALDE DE ORTIGUEIRA CONSIDERA “UN PASO ADIANTE” A RECUPERACIÓN DE SERVIZOS DE TREN CON FERROL PORQUE OS NOVOS HORARIOS ATENDEN AS NECESIDADES REAIS DA POBOACIÓN
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, considera un “paso adiante importante” a recuperación de servizos de tren de vía estreita entre Ortigueira e Ferrol anunciado por Renfe, que entrará en vigor a partir do vindeiro luns, 9 de novembro. Muras sostén que deste xeito aténdense as necesidades reais dos concellos polos que discorre esta liña férrea, tal e como lles foron trasladas aos responsables da compañía ferroviaria nun encontro celebrado hai pouco máis de 15 días cos alcaldes de Ortigueira, Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Burela.
Desde a semana que vén haberá dous servizos máis de luns a venres, con saída de Ortigueira ás 6:35 horas e chegada a Ferrol ás 7:51. En sentido inverso sairá de Ferrol ás 20:05 horas para chegar a Ortigueira ás 21:22. Tamén circulará un tren máis os domingos, neste caso con saída de Ferrol ás 20:52 e chegada a Ortigueira ás 22:09.
O rexedor ortegano destacou especialmente a importancia de que se recuperen os horarios de primeira hora da mañá desde Ortigueira e última hora da tarde desde Ferrol porque son os que verdadeiramente necesitaba a poboación, tanto por razóns laborais ou educativas como para acudir a citas médicas ou a realizar xestións de calquera tipo. Tamén expresou o seu desexo de que os servizos funcionen correctamente tanto no cumprimento de horarios como no bo estado do material ferroviario.
Agora, engadiu, trátase de seguir dando pasos, porque aínda hai moito por facer para rematar co illamento da zona en materia de comunicación. Neste sentido fixo especial referencia á unidade dos alcaldes, que está dando os seus froitos neste e noutros temas, como o proxecto de Xeoparque.
Cos novos servizos de Renfe, a oferta diaria será de 16 trens entre as dúas localidades de luns a venres; de catro os sábados e de cinco os domingos.