O ALCALDE CONVOCA UN PLENO EN ORTIGUEIRA PARA AXILIZAR O PAGO DE FACTURAS A PROVEDORES
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, convocou unha sesión plenaria extraordinaria e urxente para o vindeiro venres, día 20, ás 9 da mañá coa fin de aprobar a tramitación dos expedientes necesarios para o pago urxente de facturas. O rexedor municipal xa adiantou aos grupos da oposición a convocatoria deste pleno na xuntanza celebrada o luns para informar das resolucións e medidas adoptadas a raíz da crise sanitaria polo coronavirus Covid-19 e para recoller as súas posibles aportacións sobre o tema. Destas medidas informará tamén oficialmente no pleno, que se celebrará a porta pechada.
A axilización do pago de facturas a provedores é unha medida que adopta o Concello para aliviar a situación económica que atravesan as pemes e autónomos que traballan para a institución municipal nestes difíciles momentos.