‘Músicas y silencios’, a proposta de Ortigueira previa ao ocio turístico para pór en valor o papel esquecido da muller
Ortigueira reivindicará o papel silenciado da muller no mundo da música. E farao acollendo o concerto de cámara ‘Músicas y silencios’ mañá, mércores 27 de marzo, a partir das 19:30 horas.
O Teatro da Beneficencia será o escenario da actuación a piano e contrabaixo de Óscar Rodríguez e Susana Pérez. Ambos desenvolven unha proposta que busca superar a exclusión das mulleres no ámbito musical ao longo da historia e, en concreto, no repertorio de obras contrabaixo e piano.
O programa do concerto está composto por nove pezas de artistas como Nadia Boulanguer, Gloria Rodríguez ou Alicia de Larrocha entre outras. O público poderá gozar destas composicións de artistas femininas por 3,50 euros, na que será a proposta previa aos roteiros naturais e culturais dos días posteriores.
Porque o Xoves Santo, o Venres Santo e o sábado, a Concellería de Turismo ofrece a posibilidade de gozar dos cantís de Loiba e Esteiro, das marismas de San Adrián e do corazón de Ortigueira coa visita teatralizada que repasa a historia do municipio.
A maiores, desde hoxe martes e ata o domingo 31, o Concello de Ortigueira organiza xunto ao Club de Pádel o Torneo de Pádel de Semana Santa. O municipio acoherá na pista cuberta do CEIP José María Lage a 60 parellas en categorías masculina, feminina e mixta.