Luís Alonso Santiago, a memoria de Ortigueira
IN MEMORIAM
O 30 de decembro de 1929, segundo a ficha de filiación da Falanxe de Ortigueira; o 31 do mesmo mes, segundo outra información; ou o 4 de xaneiro, segundo o seu DNI, nace José Luís Alonso Santiago, un dos cinco fillos que tería o matrimonio formado por José Alonso e María Santiago, nunha casa da freguesía de San Bartolomeu de Cariño, daquela pertencente ao Concello de Ortigueira.
Ademais de Luís, que era o máis novo, terían a María Luisa, Antonio, Pepita e Carmen, quedando sucesión de María Luisa e de Pepita. Hoxe, o 19 de setembro do ano en curso, exhalou o seu último alento en Pamplona, onde residía, despois do seu regreso definitivo de París, a onde emigrara no ano 1963. Foi un dos moitos emigrantes ortigueireses, pero dos máis senlleiros, que tería que procurar un mellor futuro do que presentía que ía ter en Santa Marta de Ortigueira, vila que o acolleu a mediados da «Guerra», iniciada no 1936, ó vir a curarse de «escrofulismo» ó hospital da mesma.
Despois, no ano 1942, ingresaría no «Hospital-Asilo Dolores Díaz de Dávila», coñecida co nome do Asilo. Luís e os 21 anos de estancia en Santa Marta, no asilo, e Luis e Miñaño, onde se asentaba a citada institución benéfica, uniríanse para sempre desde esa data, pasando a coñecerse co nome de Luís do Asilo ou Luís del Asilo, segundo o idioma de cada falante. En Miñaño fraguou a amizade máis sincera con familia como as de Barro Bello, que se mantivo ata o fin dos seus días.
Se don Antonio Machado lembraba a súa infancia como «un patio de Sevilla donde florecía el Limonero», a Luís pasaríalle outro tanto coa casa dos seus avós cariñeses, Vicente Santiago e María Freire, situada na rúa Centeás; casa e vivencias que evocaría moitos anos despois comendo uns cachelos en París, convidado por uns amigos que vivían xunto á praza do Trocadero, o día da Virxe das Angustias “Aquellos cachelos fueron para mi la magdalena de Proust, el detonador de recuerdos lejanos y familiares (Chicharrón en abundancia uns anos, fame noutros e estraperlo e xenreiras políticas que obrigaban e marcaban á xente segundo a súa ideoloxía).
Al conjuro de ellos, me veo niño en casa de mis abuelos en la calle Centeás en tiempos de la República. Era una casa hermosa, con dos ventanas y puerta a la calle en la planta baja y otras tres ventanas en el plano superior, con pequeño balcón de hierro en el centro. En la parte trasera había un amplio balcón-corredor que daba al patio y la huerta. En el patio, estaban las cuadras y el pozo con bomba de mano y brocal de hierro. En el balcón- con excusado, a un extremo- siempre lucían ristras de espigas de maíz o ramas de alubias para secar».
Coas palabras do propio Luís extraídas da súa prodixiosa memoria, onde gardou ata os últimos tempos a súa inconmensurable experiencia, traemos aquí eses primeiros recordos escritos e descritos por el «En esta cocina lucía mi abuelo (que era socialista, recoñecería el nese mesmo escrito) sus habilidades de buen cocinero, que no sé dónde había aprendido. Mis recuerdos van a las deliciosas chaolas del carnaval, a las cuales él daba formas caprichosas y que nadaban en la superficie del aceite inflándose con el calor, las orellas de frade y los freixós, en los cuales su fantasía jugaba con mantecas y licores para darles un sabor especial que era su secreto». Avós maternos, e o tío Bernardo, que serían os seus protectores inmediatos despois da morte da súa nai cando só contaba 26 anos. Uns meniños ó coidado duns avós e dun tío, todos cabían nun paxe. Maruja, a maior, lembraba estes difíciles anos, e así o teño oído cando coincidiamos en Santiago de Mera, polas festas, na casa de miña avoa Lola, en Porteiro. Maruja, coma Luís, conservaría a memoria ó longo da súa vida.
Luís cando contaba seis anos de vida fracturaría a perna esquerda, ó caer, precisamente, desde o alto dunha escaleira de cemento da casa de seus avós. Despois dun tempo de mala soldadura ósea isto supúxolle ter de por vida unha leve coxeira, como el mesmo nolo recordaba «De esta escalera me caí yo a los seis años, fracturándome la pierna izquierda, fractura que quedó mal soldada hasta el punto de que el médico (D. Alejandro Carreño ) no veía otra solución que volver a fracturarla. El abuelo pensó que iba a sufrir mucho y el médico vaticinó: -De todos modos, tampoco vale la pena porque nunca llegará a ser un muchacho. Dios se encargó de vaticinar lo contrario, aunque me dejase cojo para toda la vida.» Con estas palabras describía Luís esa circunstancia de mala sorte, se ben agradecíalle a Deus o resto. Ese era Luís: agradecido a Deus e ós seus semellantes, sempre aceptando o seu destino e circunstancia.
Luís lembraba eses difíciles anos como os «Tiempos revueltos». Falamos dos anos trinta do pasado século, cando tiña moi poucos anos, pero moi boa memoria xa. Neses anos últimos da Segunda República ata o 1936 e 1937 viviría experiencias diversas da man de seu avó: desde escoitar mitins, presenciar revoltas e desfiles nas rúas, oír críticas duns e doutros, tanto dos monárquicos, como dos radicais, dos anarquistas, das dereitas, das esquerdas; oiría e vería de todo.
Na súa estancia na vila de Santa Marta coñecería a D. Jesús Márquez Cortiñas, o director da «Academia Santa Marta», onde continuaría a súa formación cívico-relixiosa, coma o resto da poboación, inscribíndoo, ou inscribíndose, na Fronte de Xuventudes, de onde sacamos o dato do principio que sitúa o seu nacemento o día 30 de decembro de 1929, ficha que lle outorga a Luís a ocupación de «empleado». Luís lembraría uns anos despois «Los niños, ajenos a la tremenda dimensión del conflicto, asistíamos a las escuelas ahora “nacionales” y en ellas aprendíamos el significado de “valores eternos” como Dios, Patria y Hogar. Un lirismo desbordante se apoderaba de nuestras mentes al conjuro de azañas “gloriosas” de nuestros antepasados y sonábamos con imitarles en valentía y arrojo. Se formaban desfiles de Flechas, Pelayos y Balillas, con uniformes azules y fusiles de madera, cantando aquello de: “Soy Flecha, soy Flecha, cachorro soy de León, con las ansias de un Imperio que es mi esperanza y es mi ilusión”».
Palabras de Luís, vivencias e sufrimentos de moitas e moitos neses tempos que el intitulaba como revoltos. Vaia se o foron!
Luís escribía isto despois de coñecer a emigración, os tempos en París, onde fixo todo o posible por aprender máis e mellor, por cultivarse, traballando, dirixindo pezas teatrais, o que xa comezara en Ortigueira, como tamén nolo recordaba Charo Suárez, esa gran amiga súa, naquel día da celebración do Acto de confraternidade na honra de Charo Suárez, no Teatro de Beneficencia o 4 de agosto do ano 2018. Charo no medio e á súa dereita Luís, acto organizado por Terras de Ortegal, a AA.VV de Couzadoiro, os amigos de Paporroibo, o Concello de Ortigueira e o semanario LVO. Xuntámonos moitos alí, e Luis destacaba ó lado de Charo, como outro dos grandes representantes da cultura ortigueiresa da segunda metade do século XX e de comezo do XXI.
Charo e Luís, aínda non pasou o ano, e nese tempo deixaron orfa esta terra, orfa de memorias e orfa de sentimentos, escritos e falados por eles cun estilo propio e maxistral, cunha narración sentida e realmente representada, como non podía ser doutra maneira en quen tanto amaba o teatro.
Hoxe lembramos a volta de Luís, o regreso a España, á súa vila de Santa Marta de Ortigueira, e o asentamento en Pamplona, onde xunto co seu amigo Manolo, viviría os últimos anos, ata o derradeiro, este de 2023.
Grazas é pouco dicir, inmensas grazas e quedarnos escasos no agradecemento. O menos que podemos facer é evocar o recordo do seu labor, recollendo, como facemos, o aparecido en diversos medios e publicacións xa coñecidas contadas por el.
A Luís chegaríanlle os premios, os recoñecementos e as distincións. Ao primeiro en Ortigueira, como aquel III Premio Naional de autores de Obras de Teatro de Títeres do ano 1958, e despois os acadados máis tarde en Francia (onde mesmo sería recibido polos Reis Juan Carlos de Borbón e dona Sofía de Grecia, que non foi pouco). Un dos máis destacados sería a concesión desa Medalla da Emigración, ese recoñecemento polo seu labor, axudando ós emigrantes, levando o teatro por París, Saint German en Laye e Versalles, como antes o fixera aquí, como heraldo de Ortigueira e dos galegos en Francia. Obras teatrais para emigrantes, polas que recibiría o premio desa federación.
Prepara pezas teatrais, colabora activamente coa Agrupación do Club español Luz y Calor ó longo de dez anos, non desdeñando a ocasión para dirixir obras de Moliere, Priestley ou Casona. Tamén participa nas xiras por España. Precisamente, dirixindo e presidindo ese club foron desde Valencia ata Galicia, sendo a primeira vez que isto ocorría, xa que o Instituto de Emigración, convencido polo exemplo de Luís, subvencionou esta xira, sendo representadas as diversas pezas en Vilalba, Ortigueira e Cariño. Todo iso foi obra de Luís.
Ademais, escribe para La Región de Ourense desde 1971, participando no Congreso Internacional da emigración, que celebraría sesións nese mesmo ano, en cidades como Oviedo, Xixón e Compostela; e por iso, entre outras cousas, merecería esa medalla da Emigración. Escribe tamén para La Voz de Ortigueira, onde comezaría. Tamén escribiu en Diario 16 de Madrid ou en El Mundo Deportivo de Barcelona, segundo se recolle en varios medios publicados. Foi un excelente periodista deportivo e recolleu as crónicas de infinidade de partidos disputados na comarca, onde coñecía a tódolos xogadores, desde La Juventud de Hierro, La Furia, O Mezquita de San Claudio, o Feás ou o Cariño.
Luis Alonso fixo grande a súa terra e a vila que o acolleu sendo neno con «ORTIGUEIRA a Crónica Grafica de la Villa de Santa Marta», obra única e irrepetible editada polo Servizo da Excma. Deputación Provincial de A Coruña no ano 1988. Nela recupera as imaxes dunha época, dos últimos anos da que fora vila condal, e dos primeiros do século XX. Un tremendo éxito no seu día e unha obra de culto na actualidade, o mesmo que as de Maciñeira ou Dávila, pero en imaxes e pés de foto.
Neruda en «Confieso que é vivido» deixounos escrito «Comenzaré por decir que mi único personaje inolvidable fue la lluvia». Luís déixanos o seus recordos escritos e neles os personaxes inesquecibles, e os lugares, comezando por seu avó e por esa casa da rúa Centeás en Cariño, seguindo pola casa do Pósito, polas rúas dese fermoso porto, ou pola lancha da pasaxe que unía ámbalas ribeiras da ría de Santa Marta, da súa Marta, nome da patroa que tanto amaba Luís Alonso, festas ás que, mentres puido, acudiu. Precisamente, Luís, en recordo do país que o acolleu, traería a bandeira de Francia que adorna, xunto coa doutros países que foron destino da emigración ortigueiresa, as andas da imaxe da Virxe da Caridade do Cobre que desfila en procesión polas rúas santamartesas cada 30 de xuño (Día do Emigrante). Os últimos anos, dada a súa idade, Luís agardaba a volta da procesión sentando nun banco da igrexa conventual. Fíxoo sempre que a saúde llo permitiu, xa que nos últimos anos o seu corpo debilitouse. Fidelidade e tenacidade, esas eran outras das características máis salientables de Luís, e sábeo ben quen o tratou e coñeceu.
Os nomes do amigos de Luís enchen varias portadas dun semanario como LVO, dos amigos mortos e os vivos. Dos primeiros non faltou, mentres puido, á cita para escribir, solícito, as necrolóxicas correspondentes, magníficas e sentidas, que achegaban datos dos falecidos, coñecidos da súa infancia na estancia na vila de Santa Marta, ou despois. Así, foi recollendo esas necrolóxicas que, sen dubidalo, serían dignas de ser publicadas nun tomo especial, recoñecendo así o valor do resto da súa obra. Datos histórico e sociais, escritos co estilo propio de Luís, onde se mesturaba a obxectividade coa amizade e a nostalxia, que é fácil desculpar, cando os ollos se enchen de bágoas ó escribir dalgún ser querido que se nos foi. Como lle pasaba a Luís, hoxe pásanos a nós.
Pregoeiro das festas, cronista de eventos, crítico de críticas; nunca faltou, cando o chamaron, á chamada dos irmáns da súa terra, desde os amigos de calquera asociación ata a corporación municipal. Discusións acaloradas, se facía falta, cheas de argumentos para defender os seus principios nas reunións e conferencias nas que participou; pero tamén oínte paciente disposto a aprender o que non coñecía e quería coñecer. Figura destacada en calquera foro, tanto pola súa altura física como polas súa verbas e pola voz radiofónica que o distinguía; non presumía do que non sabía, nin enchía o seu currículo con títulos que non posuía, abondáballe co que era, co que sabía, aprendido na escola en Cariño, na «Academia Santa Marta», e, por suposto, na universidade da vida, que ó fin é ó cabo é das que, se queremos, tamén se pode aprender moito.
Cando recoñecía o seu erro pedía desculpas públicas e retractábase se se excedera nalgunha crítica, pois non contaba con todos os detalles á hora de facela, como era a da representación dalgunha obra teatral feita por alumnos ou por afeccionados, na que se poñía máis ganas que arte, polo que a calidade da representación era baixa. Amigo da pureza nas artes escénicas, pero innovador, como o lembraba Charo Suárez, que non se arredaba á hora de elixir obras de difícil representación. Nos anos cincuenta do pasado século Luís e o recordado Antonio Rivera Losada atrevéronse con representacións de obras clásicas por escenarios desta comarca, o mesmo que varios mestres e mestras, naquela época na que había poucos aparellos de radio e ningún de TV e que había que dedicarlle tempo e valor para facelo.
Luís amaba o deporte, do que facía e publicaba crónicas dos partidos de fútbol local. Tamén o cine, o bo cine, se ben, nos seus anos mozos vira moito do outro nos cines da comarca. Coleccionada afiches, fotografías, revistas e libros, moitos libros, tanto en galego como en español ou francés. Foi un ávido lector, e un amable conversador, foi, en definitiva, como dicía D. Antonio Machado, un home que nada nos debe e a quen tanto lle debemos. Merece unha boa viaxe, nese navío sen retorno. Quédanos a súa obra e o seu exemplo, polo que nada nos pediu a cambio. O que se leve a cabo de aquí en diante teno máis que merecido, e xa llo debíamos ter pagado, se non todo, polo menos en parte.
Descansa en paz, como un dos bos e xenerosos fillos desta terra.
Por: Xosé Carlos Breixo Rodríguez, cronista oficial do Concello de Ortigueira. (Versión en galego).