LOITO OFICIAL EN ORTIGUEIRA POLO PASAMENTO DO EXALCALDE JESÚS VARELA MARTÍNEZ
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, anunciou que a partir das doce desta noite declárase no municipio loito oficial polo pasamento de Jesús Varela Martínez, que foi alcalde da localidade desde 1985 a 1999. A decisión adoptouse despois de falar cos voceiros dos grupos municipais, como forma de homenaxe a quen Muras definiu como “un bo amigo, un gran alcalde con talante democrático e unha persoa moi cercana a todos os veciños e veciñas”.
Dentro do protocolo de loito oficial, poñeranse a media asta as bandeiras do Concello e colocaranse crespóns negros, ademais de apagar as luces de Nadal no edificio consistorial, ata rematado o enterro. Tamén se apraza a comedia de Dinamo Producciones “Por vía oral”, que estaba previsto representar hoxe no Teatro da Beneficencia ás 20.00 horas.
A capela ardente non se instalará no salón de plenos -aínda que o alcalde ofreceuno para tal fin- por desexo da familia, que optou por organizar unhas honras fúnebres “como un veciño mais, tal e como era el”, dixo Muras despois de falar coa viúva, á que trasladou as súas condolencias así como aos seus fillos e resto de familiares.
O rexedor municipal mostrou o seu pesar pola desaparición de Jesús Varela, unha persoa moi querida en Ortigueira, co que dixo que falaba en moitas ocasións “e que me daba moi bos consellos”.