As praias da Concha, Bimbieiro, Morouzos e San Antonio revalidan a excelente calidade das súas augas
As praias da Concha, Bimbieiro, Morouzos e San Antonio revalidan, un ano máis, a calidade excelente das súas augas para o baño. Así o certifica a Xunta de Galicia, que acaba de anunciar a clasificación sanitaria final das zonas de baño vixente para a tempada de verán 2022.
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, sinala que desde o Concello realízanse importantes actuacións nos areais como pode ser a instalación da depuradora de augas na praia da Concha. Este ano, o Concello sacará como sempre o servizo de socorrismo e continuará coas medidas de limpeza nos areais.
“Seguiremos traballando para ofrecer unhas praias que estean en óptimas condicións, tanto para a veciñanza como para as persoas que se acheguen a visitarnos, que gocen dunhas augas de baño coa máxima calidade e dunhas paisaxes naturais únicas”, sinalou Muras.