Dixitalización de fondos do Arquivo Histórico Municipal de Ortigueira
A Xunta de Galicia vén de concederlle unha subvención de 15.725,16 euros ao Concello de Ortigueira para a dixitalización dalgúns dos fondos máis antigos conservados no Arquivo municipal de Ortigueira coa finalidade de preservalos e difundilos a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia.
Finalizados os traballos de dixitalización pronto estarán dispoñibles a través da web de Galiciana-Arquivo dixital de Galicia: https://arquivo.galiciana.gal/
Esta subvención, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do Patrimonio cultural de Galicia, está cofinanciada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, obxectivo temático de garantir un mellor uso das tecnoloxías da información, para a posta en marcha do Plan para a xestión dixital do Patrimonio cultural e modernización tecnolóxica do turismo – Dixitalización do Patrimonio cultural.