Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CONVOCADA A POXA PARA OS POSTOS DE RESTAURACIÓN E HOSTALERÍA QUE SE COLOCARÁN DURANTE O FESTIVAL CELTA

O Concello de Ortigueira adxudicará a través dunha poxa os postos de restauración e hostalería para a vindeira edición do Festival Celta, que se desenvolverá do 11 ao 14 de xullo. Trátase dunha contratación urxente para a que remata o prazo de solicitudes o vindeiro luns 17 de xuño ás dúas da tarde. As propostas terán que se presentar no Rexistro Xeral do Concello.

Haberá postos no casco urbano, concretamente na zona da Alameda, onde se celebran os concertos e nos parques e xardíns, e tamén en Morouzos, tanto na estrada da praia como na rotonda de acceso e no aparcamento do campo de fútbol.

Os postos da Alameda dedicaranse a bebidas, snacks e alimentos similares, non elaborados en quente, mentres que os da zona do porto e xardíns reservaranse para alimentos elaborados de todo tipo en instalacións de tipo “food truck” (camións) ou excepcionalmente -se se xustifica- en casetas prefabricadas ou carpas. O Concello pretende que haxa variedade, polo que se instalará un posto de cada especialidade.

Na estrada da praia de Morouzos só se permitirán postos tipo “food-truck” e as bebidas que se dispensen serán as dos patrocinadores. Na rotonda de acceso ao areal, no lugar de Sanmartiño, autorízanse postos de autoventa ou “food-truck” e no aparcamento do campo de fútbol unha barra baixo carpa.

As limitacións medioambientais derivadas da zona ZEPA de protección de aves e Rede Natura prohíben a reprodución de música. Todos os establecementos terán que pechar 30 minutos despois de rematado o último concerto.

A montaxe e instalacións dos postos realizarase do 8 ao 10 de xullo, as vendas serán do 11 ao 14 e a desmontaxe o 15. Haberá que depositar unha garantía de 200 euros por lote.

As bases da convocatoria pódense consultar na sede electrónica do Concello de Ortigueira o na seguinte ligazón:

Descarga bases adxudicación mediante poxa a instalación de postos de restauración no Festival Internacional do Mundo Celta 2019

Back to top