Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CICLO FESTIVAL NO TEATRO COMEZA O DÍA 19 COA ACTUACIÓN DE CALUM STEWART QUARTET

O Ciclo Festival no Teatro, que se desenvolve en Ortigueira durante todo o ano dentro do programa de actividades complementarias do Festival Celta, comezará o sábado 19 de xaneiro coa actuación do Calum Stewart Quartet no Teatro de Beneficencia, a partir das 20.30 horas.

Calum Stewart é un maestro na utilización de instrumentos antigos para lles arrancar sons novos. Coa súa frauta de madeira e a tradicional gaita irlandesa interpreta melodías que beben da tradición escocesa -a súa terra natal- pero tamén irlandesa e bretona, e mesmo incorpora influencias procedentes doutros estilos a través das súas colaboracións con artistas doutros países, sempre respectando a tradición.

No 2018 sacou o seu último traballo, “Tales from the North”, con pezas que estarán de seguro no repertorio que interpretará no Teatro de Beneficencia. Xunto a Calum Stewart completarán o cuarteto Yann le Bozec, ao baixo; Philippe Barnes, á guitarra e Lauren MacCall ao violín.

O prezo das entradas é de 4,5 euros e estarán á venda a través do correo electrónico info.festival@concellodeortigueira.com ou ben para mercalas en persoa no departamento de Cultura do Concello, de luns a venres en horario de 11.00 a 12.00. Tamén se poden comprar o mesmo día do concerto desde unha hora antes do seu comezo.

Back to top