Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CARREIRA DE CARRETILLAS, SUBIDA AO EUCALIPTO E TIRO DE CORDA, ENTRE AS ACTIVIDADES DAS VII OLIMPÍADAS RURAIS DE COUZADOIRO

A parroquia de Couzadoiro celebra este sábado día 7 as súas Olimpíadas Rurais e a tradicional Romaxe do Loreto. As actividades darán comezo ás 12.30 horas coa ofrenda floral á Virxe do Loreto na igrexa de San Cristovo. Unha hora despois empezará a “Música entre as Maciñeiras”, coa participación do grupo Triversión e unha degustación de cervexa artesá.

O xantar popular está previsto para as 14.30 horas. O bar-pulpería Juan Guerra servirá empanada, tortilla, mexillóns e lacón asado e a data límite para se apuntar é o xoves 5 de setembro, nos teléfonos 659 896 886, 649 178 619 ou 620 316 723.

A sétima edición das Olimpíadas Rurais comezará ás 17.00 horas, con versión para adultos e infantil (neste caso é a cuarta edición), e a veciñanza poderá participar nas actividades de recollida de carozas, carreira de carretillas por parellas, lanzamento de paxe, subida ao eucalipto, refegamento do millo, corte con tronzador, carreira de sacos familiar e tiro de corda interparroquial.

A entrega de premios terá lugar ás 20.00 horas e unha hora máis tarde haberá cea con empanada vexetariana e callos de CZ.

Unha sesión de “Música baixo as Estrelas” despedirá a xornada a partir das 22.00 horas, coa participación de Maina Materia, Os Carecos e Skol.

A iniciativa veciñal conta coa colaboración do Concello de Ortigueira e a Deputación da Coruña.

Back to top