Así é a programación cultural do Concello de Ortigueira para xaneiro do 2025
A fin do Nadal, recoñecementos a usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal, formación en ilustración e a presentación do cartel do Festival Internacional do Mundo Celta 2025. Esta é parte da programación que ao longo deste mes de xaneiro será desenvolvida no Concello de Ortigueira.
Un obradoiro infantil de Nadal, a Gala de Circo Culturactiva e a chegada e cabalgata dos Reis Magos serán os eventos cos que Ortigueira despedirá este Nadal. Xa o luns 13, a actividade regresa á Biblioteca Municipal, que premiará aos seus superusuarios e superusuarias do 2024. Neste día, a entidade agradece o apoio e utilización das súas instalacións e recursos premiando ás persoas que máis préstamos executaron durante o pasado ano.
O sábado 18, o Teatro da Beneficencia abre as súas portas para acoller a obra infantil Urdime, con entrada gratuíta a partires das 18:00 horas. Posteriormente, no propio teatro, desde as 20:30 horas presentarase o cartel do Festival Internacional do Mundo Celta 2025. Ademais de desvelar o cartel, daranse a coñecer algúns dos artistas participantes nesta edición.
Por último, os martes 21 e 28 de xaneiro a Biblioteca Municipal ofrece polo Día da Ilustración obradoiros infantís. É imprescindible inscribirse para participar na primeira quenda (ás 16:30 horas, para a rapazada de 3 a 5 anos) ou na segunda (desde ás 18:00 para os nenos e nenas de 6 a 12 anos).
Así mesmo, a exposición de pintura ‘Viaxe ao Común’ estará dispoñible no Claustro do Concello ata o día 20, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00.