AS RUTAS SENDEIRISTAS POLA SERRA DA FALADORA E O CASÓN SÚMANSE Á XEOLÓXICA DAS LAVAS
O Concello de Ortigueira organiza durante o mes de agosto cinco rutas sendeiristas que se desenvolverán todos os venres por dúas das paraxes máis espectaculares do municipio: a serra da Faladora e o río Casón.
A Ruta das Lendas da Faladora poderase realizar os días 2, 16 e 30 de agosto, con saída desde a oficina de turismo ás 10 da mañá. Percorrerase unha distancia de 6 quilómetros, de dificultade baixa, e haberá que ir equipado con botas de monte, bastón, chuvasqueiro, auga e comida. O regreso está previsto para as dúas da tarde. Os días 9 e 23 organízase a Ruta do Casón, co mesmo horario e punto de partida que a anterior, e aínda que neste caso camiñarase ao longo de 8 quilómetros, a volta será tamén ás dúas da tarde.
A dificultade do percorrido é media e, ao igual que no outro, recoméndase calzado axeitado, roupa para a chuvia, auga e comida.
Estas rutas sendeiristas teñen un prezo de 3 euros e a reserva ten que se realizar na oficina de turismo ou chamando ao teléfono 981 974 103.
Estes percorridos veñen sumarse á Ruta Xeolóxica das Lavas, guiada polo xeólogo Francisco Canosa, que terá lugar o martes 13 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, con punto de partida desde a praia da Concha –xunto ao río- e percorrido por Espasante. A lonxitude total da ruta é de 4 quilómetros e está considerada como de dificultade baixa. Para se inscribir hai que reservar praza na oficina de turismo ou a través do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. O prezo é de 5 euros.