Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As praias de Morouzos e A Concha recuperan as Bandeiras Azuis case unha década despois

O Concello de Ortigueira logrou recuperar o distintivo de Bandeira Azul para os seus dous areais principais, Morouzos e A Concha. Con esta resolución, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) volve situar á costa ortegana no mapa da excelencia turística e medioambiental, devolvendo uns galardóns que o municipio non obtiña de forma conxunta desde hai case unha década.

A recuperación destes distintivos pon fin a un período de ausencia que comezou en 2018, ano no que o concello quedou sen ningunha bandeira. No caso da praia de Morouzos, o areal perdera o recoñecemento precisamente nese 2018 tras mantelo o ano anterior. Pola súa banda, a praia da Concha volve contado con este selo de calidade que non ostentaba desde 2016, perdéndoo na convocatoria de 2017.

A obtención das bandeiras é o resultado dun rigoroso expediente de candidatura coordinado de forma directa pola oficina técnica de Medio Ambiente. Este traballo contou coa colaboración transversal das áreas de Turismo e dos responsables dos servizos de limpeza e seguridade. Para cumprir coas estritas esixencias da ADEAC, a comisión organizadora integrou de xeito activo ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e á Policía Local, quen supervisou os protocolos de vixilancia e salvamento necesarios para garantir a seguridade dos usuarios.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, mostrou a súa satisfacción por un logro que considera “vital para a economía local”. O rexedor subliña que este recoñecemento “é un paso estratéxico, xa que as praias constitúen un dos maiores atractivos para os visitantes que recibe a nosa localidade cada tempada”.

Segundo explica Calvín, recuperar estas bandeiras era “un obxectivo prioritario para o goberno municipal” desde o inicio da lexislatura. O alcalde sinala que este éxito pertence “a todo o equipo técnico e aos departamentos implicados”, cuxo traballo conxunto permitiu elevar de novo os estándares dos servizos municipais. Así mesmo, Calvín destaca que contar con estes selos de calidade reforza a imaxe de Ortigueira como un destino sostible e seguro, o cal repercutirá positivamente no sector hostaleiro e comercial da zona.

O rexedor lembra que “manter estes distintivos esixirá un compromiso constante” durante todo o verán para asegurar que o estado das augas, a xestión dos residuos e a atención ao cidadán sigan cumprindo cos niveis de excelencia que agora foron recuperados; á vez que afirma que “seguiremos traballando para que estes distintivos cheguen a máis areais”.

Back to top