Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS OBRAS DO POS+ 2019 SUPORÁN MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE INVESTIMENTO DA DEPUTACIÓN

O Concello de Ortigueira reunirase nunha sesión plenaria ordinaria o vindeiro mércores, a partir das 9.00 horas, para tratar, entre outros asuntos, as obras incluídas no POS+2019. O importe total dos proxectos presentados a este programa da Deputación da Coruña supera o millón de euros (1.080.344,31 euros) de investimento da institución provincial, aos que hai que engadir 393.230,07 máis do saneamento de Cuíña, incluído no plan complementario.

A parte máis importante do orzamento no que se refire ás obras é a destinada á remodelación da praza de San Antón e a súa contorna, que terá unha aportación provincial de 198.575 euros, seguida dos traballos de aglomerado en quente que se desenvolverán en diferentes lugares. Os de As Neves, San Adrián, San Claudio, Cuíña e Luama representarán 115.174,09 euros de investimento da Deputación, mentres que os de Couzadoiro, Ladrido e Espasante ascenderán a 104.107,78 euros.

Ademais, con cargo á axuda económica provincial levaranse a cabo a obra de accesibilidade ao salón de plenos (74.923,44 euros de aportación da Deputación) e a reparación de cubertas no Concello (94.124,76 euros) e na biblioteca municipal (40.000 euros).

Por outra banda, os fondos do POS+2019 servirán para cofinanciar gastos correntes do Concello (322.707,74 euros) e para o pago a proveedores (130.731,50 euros).

No pleno do mércores debatiranse tamén dúas mocións presentadas polo grupo socialista, unha de apoio ao persoal dos Puntos de Atención Continuada e outra contra o peche da oficina do Banco Pastor na parroquia de Mera.

A primeira insta á Consellería de Sanidade e ao Sergas a iniciar de inmediato a negociación co persoal dos PAC para dar resposta ás súas demandas laborais (equipos paritarios de enfermaría e persoal médico, pago dos complementos de festividade e nocturnidade conxelados desde o 2010 e cómputo real da xornada mantendo as 1.451 horas de xornada efectiva, entre outras).

A moción contra o peche da oficina do Banco Pastor lembra que os veciños e veciñas de Mera teñen a entidade bancaria máis próxima a 9 quilómetros e pide que se manteña para evitar problemas e desprazamentos aos residentes nesta parroquia.

Back to top