Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS MEDIDAS DE PREVENCIÓN DA GRIPE AVIARIA EN ORTIGUEIRA INCLÚEN O REXISTRO OBRIGATORIO DOS CURRAIS, EVITAR O CONTACTO ENTRE AVES DOMÉSTICAS E SILVESTRES E NOTIFICAR AOS VETERINARIOS CALQUERA CASO SOSPEITOSO

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de comunicar ao Concello de Ortigueira as medidas que continúan en vigor no municipio -que está incluido na Zona de Especial Vixilancia de gripe aviaria- a pesar de que xa se saíu da situación de alto risco de transmisión que se decretara no pasado novembro.

Segundo informou o concelleiro responsable da área, Miguel Yáñez, é obrigatorio ter inscrito no rexistro da Consellería de Medio Rural calquera curral familiar destinado a autoconsumo. Esta inscrición pode tramitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería e no propio Concello de Ortigueira. É importante tamén evitar o contacto das aves de curral coas silvestres e reforzar a vixilancia notificando aos servizos veterinarios calquera sospeita de enfermidade.

A alerta en Ortigueira estaba relacionada co feito de ser unha zona de paso das aves silvestres nas súas migracións, aínda que unha vez rematado o período migratorio das aves invernantes desde os países do norte e centro de Europa e despois de que nos dous últimos meses non se detectaran casos en ningún lugar do territorio español o risco diminuíu de xeito notable.

Porén, o Ministerio, e tamén o Concello, insisten en que é importante manter as medidas necesarias de bioseguridade e atender as seguintes recomendacions:

  • Evitar a cría de parrulos, gansos ou ocas con outras especies de aves de curral.
  • Evitar o contacto entre aves domésticas e silvestres, especialmente as acuáticas e dentro delas as anátidas.
  • Protexer os comedeiros, bebedeiros e depósitos de auga para evitar que acudan as aves silvestres.
  • Evitar darlles ás aves de curral auga á que puideran ter acceso as silvestres.
  • Alonxar ás aves de curral de terreos próximos á beira das charcas, encoros ou humidais.
  • As persoas que traballen en granxas avícolas comerciais e teñan outra familiar deberán evitar realizar visitas dunha a outra sen tomar medidas como o lavado de roupa e mans.
  • As persoas que cazan e traballan ou posúen explotacións avícolas comerciais ou familiares teñen que tomar tamén esas medidas de limpeza despois da actividade cinexética.
  • As concentracións de aves ornamentais e similares están permitidas, pero poderán ser prohibidas polos servizos veterinarios se se detecta algunha situación de risco en relación coa gripe aviaria.
Back to top