Arrancan as obras no CEIP José María Lage para erradicar o parásito da carcoma
O xefe territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Indalecio Cabana, e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, visitaron onte ou inicio das obras no CEIP José María Lage.
Os traballos consistirán principalmente na substitución dos elementos de madeira que dividen as aulas e as demais estancias do centro por outros de aluminio, buscando erradicar á Scleroderma domestica, un insecto que se alimenta das larvas de carcoma e que leva afectando ao centro a última década.
As obras iniciáronse agora aproveitando a finalización do curso escolar, debido a que tardarán varios meses en completarse. Ademais, este parasito prolifera especialmente en épocas de calor.
A inicios de curso, no mes de outubro, o Concello de Ortigueira actuou de urxencia para tratar de paliar o problema. Así, contratouse a unha empresa especializada para fumigar o centro durante a ponte do Pilar, o que conseguiu reducir o número de insectos, pero non acabar con eles.
Con esta nova actuación o que se busca é poñer fin a un problema que o centro arrastra durante anos e que pon por diante a seguridade e o benestar do alumnado, que se viron considerablemente afectados.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, subliña que “para nós, a saúde, seguridade e benestar dos nenos e nenas e do profesorado do colexio é o primeiro. Por iso puxémonos mans á obra en canto puidemos. É inaceptable que esta situación se prolongase tanto no tempo sen que se lle puxera remedio”.