Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE ORTIGUEIRA VOLVE INSISTIR NA NECESIDADE DE QUEDAR NA CASA

O municipio de Ortigueira rexistra a día de hoxe catro novos casos positivos de coronavirus Covid-19, o que suma 12 persoas en total na localidade, das que por desgracia unha faleceu. Os novos afectados están nos seus domicilios e o número de hospitalizados segue en sete. Precisamente no retraso dos resultados das probas volveu insistir hoxe o alcalde, Juan Penabad Muras, que aínda facendo fincapé na gravedade da situación, quixo trasladar á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade, porque os novos positivos entran dentro do previsto ao tratarse de persoas que estiveron en contacto cos outros contaxiados. Probablemente o número de casos medre aínda máis nos vindeiros días, unha vez que se coñezan os resultados dos tests, adiantou, pero se se respectan as medidas de contención “sabemos como xestionar a situación e se todos colaboramos está baixo control”.

O alcalde volveu insistir na necesidade de quedar na casa, xa moi afectado por ver desde o seu propio despacho “unha persoa que está paseando arriba e abaixo pola alameda e leva máis de media hora”. “De momento non hai un medicamento para o virus, pero si sabemos como previr os contaxios, por iso pido que non se saia da casa, porque se necesita a colaboración da xente para deter a enfermedade e para non poñernos a todos en perigo: os veciños, a familia e os traballadores”.

O Concello solicitou a axuda da Delegación do Goberno para controlar que a xente permaneza nos seus domicilios e para continuar coas tarefas de desinfección. Dous equipos da Policía Naval da Compañía de Infantería do Tercio Norte están hoxe en Ortigueira e continuarán alí ata que sexa necesario, precisamente para facer vixiancia e evitar que a poboación saia da casa. “Non se trata de meter medo”, dixo o rexedor, “pero si de cocienciar, e as sancións, que xa superan as 50, van continuar”. “As autoridades van ser implacables nas medidas de control do confinamento, porque se trata de mirar pola seguridade de todos”, engadiu.

Tras o contacto cos responsables da coordinación sanitaria, esta mañá estase a proceder a desinfección total do centro de saúde de Ortigueira, o que obriga a trasladar o servizo de Urxencias ao veciño municipio de Cariño de maneira provisional. Espérase que ás tres da tarde xa poida volver estar operativo en Ortigueira. O que si permanecerá cerrado de momento será o centro de saúde de Mera, concentrándose toda a atención sanitaria no consultorio central da vila.

O alcalde insistiu unha vez máis en que se está traballando como se ten que facer, acometendo labores de prevención, de información, de limpeza e de desinfección “pero non vale se non temos a colaboración da xente, non podemos montar por un lado e desmontar por outro, hai que quedar na casa”.

Back to top