Adopción de medidas preventivas por aumento do risco de influencia aviaria
Desde o 10 de novembro entran en vigor as medidas preventivas en Zonas de Especial Vixilancia, ZEV, por aumento do risco de Influencia Aviaria,
O municipio de Ortigueira é un dos 29 concellos galegos situados na zona ZEV.
O obxectivo das medidas adoptadas é evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.
Estas medidas son:
• Queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre.
• Queda prohibida a cría de patos, ocas e gansos con outras especies de aves de curral.
• Queda prohibida a utilización de paxaros das ordes Anseriformes (parrulos ou similares) e Charadriiformes (gaivotas e similares) como reclamo en actividades cinexéticas.
• Queda prohibido dar auga ás aves de curral procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, salvo no caso de que se trate esa auga con métodos que garantan a inactivación do virus da influenza aviaria.
• Os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente fronte as aves silvestres ou as súas dexeccións.
• Queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas (p. ex. aves ornamentais ou similares) nos centros de concentración de animais definidos no artigo 3.7 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal incluíndo os certames gandeiros, mostras, exhibicións e celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas. Con todo, a autoridade competente da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade animal poderá autorizar ditas concentracións sempre que se efectúe unha avaliación do risco que dea un resultado favorable.
Estas medidas son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade, así como tamén para os currais familiares de autoconsumo.
Por prevención sanitaria aconséllase non ter contacto con aves enfermas ou mortas, tanto silvestres como domésticas, e en caso de detección destas comunicalo de inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería de Medio Rural.
Máis información Consellería do Medio Rural | Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación